mércores, 29 de xuño de 2016

JAMES JOYCE E MOLLY MALONE



Por Pepe de Rocaforte
            Comentaba o outro día o “mogollón festeiro” que conleva a celebración do “Bloom’s Day” en Dublín. Pero debo aclarar que tal conmemoración non consiste unicamente en andar vestido de entroido polas rúas dublinesas percorridas na ficción por Leopold Bloom, protagonista principal do Ulises joyceano, o día 16 de xuño de 1904, data escollida por Joyce por se tratar do aniversario da primeira ocasión en que saíron xuntos el e Nora Barnacle, quen logo sería a súa esposa.
            Á parte das deambulacións peripatéticas en traxe de época, do consumo de pintas de Guinness (ou de viño, a pesar do seu prezo en Irlanda) e tal vez da degustación de ril porcino (hai xente para todo), tamén ó longo dos días que preceden ó Bloom’s Day hai unha reste de actos culturais que van desde as lecturas joyceanas xa comentadas con anterioridade, ás representacións teatrais, proxeccións cinematográficas, conferencias, etc.
            E non sei se de cote, ou só lle cadrou este ano, un grupo de mulleres lembradoras de Molly Malone, aproveitan a data para saír á rúa coas súas pancartas reivindicativas de xustiza social.

            Molly Malone naceu nunha canción , unha especie de himno popular irlandés que, aínda con contidos moi distintos, poderiamos asimilar en certa medida coa nosa tamén popularísima “Rianxeira”.
            A canción conta a historia dunha vendedora ambulante de peixe polas rúas de Dublín, de vida un tanto azarosa, que morre un día no medio da rúa, atacada pola febre, mentres vai ganar a vida empuxando o seu carriño de pescantina. Aínda que a existencia real de Molly Malone é bastante máis que discutible, a moza conta cunha escultura no seu recordo e nos pubs irlandeses pódese escoitan con frecuencia a letra e a música do seu cantar.
            Na foto que se me ocorreu quitar, as mozas malonianas exhiben pancartas cos seguintes textos: “Molly dí: Salvade a rúa Moore de 1916” (?), “Molly di: a vivenda é un dereito humano, unha casa é esencial”. “Molly di: a pobreza mata”. “Molly di: Ministro Coveney, temos unha crise nacional de vivenda”. “Molly di: construíde vivendas sociais xa”. “Molly di: non ós fondos voitre. Parade os desafiuzamentos”. “Molly di: parade a usurpación de terreos (a especulación urbanística?) na cidade de Dublín”. “Molly di: Non ós nenos vivindo en hoteis”. “Molly di: facede algo xa cos problemas de vivenda”.
            Non vos soa a unha música coñecida? Todo eso contra o que protesta Molly é algo do que mellor sabe facer esa clase política que goberna Europa. Co noso beneplácito, porque nós votámola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario