martes, 21 de xuño de 2016

Peto de ánimas de Belesar



     A un dos extremos da ponte de Belesar, este peto de ánimas amosa no seu relevo unha curiosa estampa referente á salvación e ó purgatorio, que, como en tantos casos galegos non se representa con lume, senón coas cousas da vida.
      É mágoa que se perdese a policromía que supoñemos que tivo algunha vez, e que a erosión fora desgastando o fino labor que aínda apreciamos nun artístico medio relevo, onde podemos distinguir catro estadios: a terra, o Purgatorio, o camiño da Gloria e a Gloria.

     A Gloria está no cume dunha figura que pode representar a árbore da vida, que se abre con dúas ramas, nas que, se no medio vemos á Virxe do Carmo co seu escapulario, na da dereita está Deus Pai e na da esquerda Cristo. Na parte inferior represéntanse as cousas e labores do día a día, xente rezando ou traballando.
     No centro, no que semella unha barca de dúas proas, da feitura das usadas nesta parte de Galicia para cruzar o río, están as figuras das ánimas do purgatorio de pé, dispostas á viaxe final, e sobre elas, saíndo das ramas das árbores outras figuras que as recollen, que lles axudan a subir desde a barca ó cume da árbore que representa a Gloria.

     Poucas veces atopamos un peto de ánimas tan historiado, adaptado ó lugar onde se instalou e tan senlleiro na forma de representar o purgatorio como lugar de paso e non de condena. Un peto no que prevalece a vida sobre morte, e esta non é máis ca un transo a un estadio mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario