mércores, 22 de xuño de 2016

BLOOM’S DAY 2016



Por Pepe de Rocaforte

          

          Este ano, coa conmemoración dos catro séculos da morte de Cervantes, parece haber  unha certa movida cultural con circuítos cervantinos e similares. En Ourense xa hai uns anos que se veñen celebrando percorridos literarios polos escenarios dA Esmorga blancoamoriana. Nós, para observar un exemplo pioneiro nesto das festas literarias, tivemos a idea de ir ver como é o Bloom’s Day en Dublín, celebración xa veterana, repetida anualmente desde 1954.

            De entrada a cousa non nos parecía pintar moi ben. A eso da media mañá, preto do monumento a O’Connell, en O’Connell Street, unha moza portadora dunha pancarta co ofrecemento de servicio de guía, ó lle preguntarmos pola Torre Martello, confesounos non saber dela. Do Bloom’s Day tampouco semellaba estar moi ó tanto, e así decidimos proseguir investigando por outra parte.

            Un pouco máis de sorte, relativa, tivemos camiñando pola beira do río, á altura das Catro Cortes, onde un señor nos informou de que a Torre Martello ficaba lonxe, a máis de seis quilómetros seguindo cara ó sur desde a desembocadura do Liffey, pero en relación con Joyce endereitounos para a súa casa, na outra banda do río, moi próxima, dicindo que quizais alí poderiamos ver algo. Resultou ser a casa onde o escritor situou o relato “Os mortos”, do libro “Dublineses”, pero por alí non se vía ninguén con aspecto de festivo celebrador joyceano.
            Finalmente, despois de xantar, decidimos ir dar unha volta polo barrio de Temple Bar onde, de xeito inesperado para nós, atopámonos con todo o mogollón festeiro, con respectables señores vestidos ó estilo de principios do século XX, desde os que só portaban sombreiro de palla relativamente joyceano, ata os traxeados de punta en branco. Señoras nunha variada escala de idades, tamén cos traxes largos de moda hai algo máis de cen anos. E mozos e mozas que, cuns atavíos máis ou menos informais, daban a impresión de levar polo menos catro ou cinco pintas de Guinness na andorga, seguramente tomadas á saúde do autor do “Ulises”.
   
        

Alí fomos recibidos como amigos de toda a vida. Cando queriamos tirar algunha foto pousaban para nós coa maior amabilidade e pedíannos facer retratos con eles, regaláronnos sombreiros de palla e todo era confraternización por tódalas partes. Estivemos escoitando lectores de páxinas do “Ulises”, que se turnaban inmunes á fatiga, aplaudidos a rabiar despois de cada intervención. E cando nos sentamos a recapacitar nun “pub” (onde aprendemos a pronunciar “pob”)puxémonos a debater sobre a posibilidade de termos aquí unha festa similar. A desalentadora conclusión a que chegamos foi a de consideralo moi difícil. O espírito irlandés, tal como este pasado día 16 o vimos, parécenos dificilmente exportable alén da illa verde. Pero en fin, todo pode suceder.

            E ademais en vez de Guinness temos Estrella Galicia, toda unha garantía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario