Por Pepe de Rocaforte
Debo pedir desculpas porque
ultimamente estou repetindo máis que as sardiñas en aceite, pero a culpa bótolla
ás cousas, que me veñen así.
Alá polo mes de febreiro falei aquí
sobre viaxeiros por África, e volvín incidir no tema hai un par de semanas con
motivo da información remitida por un amigo sobre un vigués, desertor da
expedición que deu a primeira volta ó mundo entre 1519 e 1522, quen pasou cinco
anos na illa de Guam ata ser recollido en 1525 pola expedición de Loaísa.
Agora
vexo un libro, “Exploradores y viajeros por África”, recentemente publicado por
“Ediciones del Viento”, editorial radicada nA Coruña, e non podo resistirme a
recuncar co mesmo tema despois de lle botar unha ollada ó índice desta nova
publicación para convencerme do que xa temía: entre todos os textos de
viaxeiros e viaxes de exploración africana, corenta se non me engano, non
figura no libro ningún de exploradores portugueses.
Esta
ignorancia da maioría das cousas do veciño país (excluídos os temas referidos a
Cristiano Ronaldo e Jose Mourinho) é algo que vén de lonxe e non me debería
estrañar. Pero a estas alturas da xogada sígome estrañando.
Agora
ben, xa que a editorial de que falo é do Noroeste, gustaríame que en caso dunha
reedición do libro tivese a ben amplialo un pouco e meter algún texto de, por
exemplo, Antonio Cándido Pedroso Gamitto (Antonio Gamito para os amigos), autor
dun libro, “O Muata Cazembe, e os Povos Maraves, CheÌvas, Muizas, Muembas,
Lundas e outros da Africa Austral” (para abreviar “Muata Casembe”. En inglés
“King Kazembe”), diario da expedición realizada polo autor nos anos 1831 e
1832, un traballo de certa importancia para o coñecemento daqueles pobos centroafricanos
no século XIX.
E tampouco viría mal lembrar a Hermenegildo
Capelo e Roberto Ivens, de quen tratei aquí con anterioridade, autores dos
libros “De Benguella às terras de Iàcca” sobre a viaxe realizada entre 1877 e
1880 por terras centroafricanas, e “De Angola à Contracosta”, relación da
travesía do Atlántico ó Índico entre 1884 e 1885.
Ou
botarlle unha ollada ó diario da expedición, entre 1877 e 1879, de Alexandre da
Serpa Pinto, viaxeiro-aventureiro un pouco na liña de Stanley, relatada no seu
libro “Como eu atravessei a África”. Ou, por citar só un nome máis, ¿que tal
António Francisco Ferreira da Silva Porto, quen nos deixou valiosas
informacións das súas andanzas e do seu encontro con Livingstone en “Viagens e
Apontamentos de um Portuense em África”?
E
antes de finalizar debo volver atrás para corrixir unha premeditada falta á
verdade pola miña parte: no libro “Exploradores y viajeros por África” non é
certo que non figuren autores portugueses. Aparece un, Francisco Jose de
Lacerda e Almeida, pero fago del caso á parte porque o texto aparece nunha
tradución da versión inglesa feita polo tamén gran viaxeiro británico Richard F.
Burton (non confundir co actor de cine). ¿Non quedaría ben se aparecese
traducido da súa lingua orixinal?
Estimado amigo, la versión de Las tierras del Cazembe, realizada por Richard Burton, está profusamente anotada por el viajero y filólogo inglés, y se complementa con ls viajes de Monterio y Gamitto y los pombeiros. Esa es la razón por la que la hemos elegido. En Ediciones del Viento hemos publicado autores como Wenceslau de Moraes, Ferreira de Queirós, Raul Brandâo, y Pedro Páez (que firmaba Pero Pais) traducidos del portugués.
ResponderEliminarNos interesan mucho los autores que usted apunta en su artículo, especialmente Serpa Pinto.
Reciba un atento saludo,
Eduardo Riestra, editor de Ediciones del Viento
As circunstancias impedíronme responder a este atento comentario. Fágoo agora para aceptar que non debe ser por menosprezo polo que entre nós escaseen as versión de autores portugueses. Así e todo debo matizar que neste caso referíame só, única e exclusivamente a libros de viaxeiros por África.
ResponderEliminar