Por
Pepe de Rocaforte
Hai pouco tiven ocasión de visitar o
Castelo de Calatrava, unha fortaleza impresionante situada ó sur da provincia
de Ciudad Real, a mil metros de altitude, cunha superficie amurallada de
corenta e seis mil metros cadrados, desde onde na Idade Media se controlaban os
accesos a Serra Morena e ó reino de Xaén.
Nunha visita a esta construción
colosal a guía falounos moi de pasada dunha certa relación do castelo con
Umberto Eco e axiña me veu á cabeza a novela e, especialmente, a película “O
nome da rosa”, ó lle oír a alguén dicir que parte do filme fora rodada neste lugar.
Logo aclararíase que a relación con Eco consistiu en que no ano 1997 o profesor
italiano foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Castela-A
Mancha, celebrándose a cerimonia de investidura nesta fortaleza, onde estiveran
asentados os monxes templarios, que posteriormente pasarían en boa medida a
formar parte da nova Orde de Calatrava.
O recordo de “O nome da rosa”, máis
que na novela, para min considerablemente lastrada polos alardes eruditos do
autor, na miña opinión (e pido desculpas polo atrevemento) un tanto cargados de
pedantería, fíxome pensar, xa digo, na película que, en cambio, foi bastante
vapuleada pola crítica, especialmente en Italia.
A min impresionárame particularmente
o inicio da fita, cando o monxe Guillerme de Baskerville e o seu discípulo Adso
de Melk cabalgan en dirección ó convento-fortaleza. A escena tiña para min un
carácter marcadamente onírico que axiña relacionei co inicio da novela de Dino
Buzzati “O deserto dos tártaros”, e cun conto, nunca publicado, que me atrevín
a escribir a partir dun soño recurrente que me asaltaba por aquelas épocas.
Todo eso fíxome buscar información
sobre onde fora rodado o filme. Descartado o castelo-convento de Calatrava,
acordeime dunha visita anterior o convento de Melk, en Austria, onde outro guía
tamén nos informou (erróneamente) de que parte de “O nome da rosa” fora filmada
alí. As edificacións eran tan radicalmente distintas que resultaba inadmisible tal
suposición. Comenteino co guía, quen acabou dicíndome en Melk foran rodadas as
escenas da biblioteca. Pero tampouco foi así e a única relación da obra de Eco
co convento de Melk, parece ser o nome do novicio Adso de Melk, elixido como
homenaxe á riqueza da librería do convento austriaco.
Finalmente puiden saber que as escenas
en interiores foran rodadas na Abadía cisterciense de Eberbach, en Alemania,
mentres que para os exteriores se montaran en Roma uns decorados, os máis
grandes nunca construídos en Europa.
E para rematar este repaso, parece
ser que a abadía que tiña no pensamento Umberto Eco cando escribiu a novela foi
a Sacra de San Michele, no norte de Italia, outro impresionante mosteiro
medieval.
Ningún comentario:
Publicar un comentario