xoves, 6 de outubro de 2016

ESCRITORES RAROS E ESQUECIDOS




Por Pepe de Rocaforte
Acabo de empezar a ler “Escritores olvidados, raros y marginados”, un texto colectivo dirixido por Enrique Rubio e publicado pola Universidade de Alicante en “Anales de Literatura Española”, o cal tráeme á memoria outros escritores populares e famosos hai arredor de cincuenta anos, moitos deles uns super-vendas da época, e hoxe descoñecidos, ou case descoñecidos, para os lectores actuais.
Remexendo nos recordos ofrézovos unha relación dalgúns dos autores deses libros que lin de rapaz. Empezarei polos que me resultaran máis escasamente atractivos.
Por exemplo Maxence Van der Meersch, escritor francés da primeira metade do século XX, autor dun bestseller, “Corpos e almas”, publicado en 1943 con enorme éxito e traducido a trece idiomas. Do mesmo autor lin “A compañeira”, publicado despois da súa morte. Contra a opinión xeral da época, ningunha desas novelas me produciu un mínimo entusiasmo. ¿Alguén hoxe leu a Van der Meersch, ou sabe sequera quen é?

Outro escritor famoso entón, o húngaro Lajos Zilahy, foi autor de “Primavera mortal”, “Algo aboia na auga” e “Os cárceres da alma”, todos eles traducidos con enorme éxito á maioría dos idiomas europeos. Debo confesar que só lin os dous primeiros títulos, “Os cárceres da alma” quedou en espera, a lectura de “Primavera mortal” e “Algo aboia na auga” deixáranme sen ánimos para unha terceira experiencia.
Ernst Wiechert, alemán, Jacob Wassermann, austríaco nacido en Alemania, e John Knittel, suízo nacido na India, forman un pesado trío xermánico, autores respectivamente de “Os fillos de Jeromin”, “O homiño dos gansos” e “Vía Mala”. Lamentablemente as súas historias quedáronme perdidas na memoria. Daquela eran famosos.
“A cidadela” e “A calella do cordeiro” foron escritas por A.J. Cronin e por Warwick Deeping, escocés o primeiro e inglés o segundo, ámbolos dous médicos, ámbolos dous famosos. Non quixen ter unha nova experiencia lectora de ningún deles, a pesar de Deeping serme ferventemente recomendado por un amigo de quen entón me fiaba para a escolla de lecturas.
Pasando a escritoras aí estaba Ayn Rand, norteamericana nacida en Rusia, Vicki Baum, austríaca, e Mazo de la Roche, canadense. A primeira, autora de “Os que vivimos”, diatriba anticomunista moi popular entón e hoxe esquecida. Outra das súas novelas, “O manancial”, tivo unha famosa versión cinematográfica.
Tamén coñecida polo filme feito sobre a súa novela “Gran Hotel” foi Vicki Baum, de quen lin “O grao de mostaza”, para min sen maior interese. Mazo de la Roche triunfou coa súa saga sobre a familia Whiteoak, dezaseis volumes reunidos en “As novelas de Jalna”, das cales (non as lin todas) non me quedou un recordo moi sinalado, pero tampouco me pareceran das peores.
Aquí debería pasar a outro apartado: o de escritores hoxe sen atractivo para os medios editoriais e cuxa lectura me fascinou, pero para non alargar demasiado este comentario vounos deixar para unha próxima ocasión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario