xoves, 4 de maio de 2017

ACTOS FALIDOS E ASOCIACIÓNS DE IDEAS



 Por Pepe de Rocaforte

           Por máis que a experiencia se repita, non deixa de sorprenderme sempre o modo en que no pensamento se nos van enlazando uns temas con outros ata levarnos, moitas veces por curiosos e/ou estraños camiños, desde un punto de partida determinado a outro de chegada ó cal non se lle atopa ningunha relación co do tema inicial da cadea.
         Sucedeume o outro día cando ó pensar no escritor armenio-estadounidense William Saroyan, me veu á cabeza o título dun libro de contos seu, “O meu nome é Aram”, para desde alí dar un brinco ó famoso e fermoso documental de Robert J. Flaherty, do ano 1934, “Homes de Aran”  (Por certo, o ano pasado percorrendo o litoral occidental de Irlanda, sentín unha certa decepción cando me mostraron a Illa de Aran, a cousa de tan só dez quilómetros da costa, cando a imaxinaba lonxe, perdida no medio do mar alto e tenebroso).
          Mais prosigo: o recordo do documental de Flaherty, despois do paso obrigado por “Nanuk o esquimó e por “Moana”, ambas do mesmo director,  (non confundir o filme de 1923 coa recente película de Disney), tróuxome forzosamente este outro título á cabeza: “O carro e o home”,  documental de Antonio Román, segundo guión de Xaquín Lorenzo.

          Ata aquí todo moi lóxico e previsible. Pero o posterior salto ás “Apariciones en Galicia”, de José María Castroviejo, xa me resulta un pouco máis difícil de explicar. Aínda que sobre este novo tema, se non lle parece mal a quen ata aquí teña chegado na lectura, vouno deixar para unha próxima semana.
          Volverei agora, en cambio, sobre o caso da semana pasada: o encontro de William Saroyan e Kalouste Gulbenkian en Lisboa. Posto que no texto citaba o libro de Saroyan “Cartas desde a rúa Taitbout”, ocorréraseme ilustralo cunha imaxe do autor nun selo de correos, pero sen me decatar collín outra fotografía e así saíu a cousa. Agora pénsoo e non sei como consideralo. Se se tratou dun acto falido e funcionou a auto-censura para evitarme a caída no “chiste fácil”: carta, franqueo, que agora confeso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario