Acompañando ó amigo Afonso por terras de Soneira encontramos
este Peto de Ánimas, nunha estrada que algunha vez foi o nexo de unión entre
pescos e labregos, cruzando o concello de Santa Comba, no lugar de Castriz. Tal
vez un camiño outrora común para os penitentes da Compaña, por iso este
monumento que lembra o que vén detrás da vida. Son só dúas ánimas de fasquía
feminina, e non é a primeira vez que atopamos esta discriminación por sexo no
purgatorio, como se os varóns deste mundo non tivesen dereito a exculpar os
pecados (¿ou será que xa non os teñen?). Dúas ánimas de rostro sereno, resignadas
a agardar, que non sei por que me lembraron a unhas persoas que o día antes vin
na sala de espera do ambulatorio. Tamén alí sufrindo caladamente e resignadamente
o seu purgatorio, só que aquelas eran de carne é óso. E como dato curioso deste peto, cuxo esmoleiro xa foi
violado non se sabe cando, as moedas aí permanecen oxidándose e cubríndose de po
, depreciadas porque para viaxar pola eternidade, a pesares do que dicían os
gregos, non se necesita carteira nin moedeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario