Por
Pepe de Rocaforte
Don Leandro Carré
cóntanolo así: «Na mañá do 16 de Xaneiro de 1840, aparescéu a Cruña arrodeada
de tan mestas brétemas que se non albiscaban os ouxetos mais achegados [...]
Cando se abriron as portas do xardín de San Carlos, unha dona, como de
cincoenta anos [...] atravesóu senlleira e caladiñamente as curtas carreiras de
buxos do xardín [...] Vestía un traxe de veludo negro, e unha sorte de capús de
peles preservaba as suas costas da friaxe e mais da humedade [...] A dona
enloitada, branca e loira, a ingresa descoñecida, axionllouse ao pé do moimento
e bicóu a terra humida e fría ¿Quén era a que choraba aínda a morte do
guerreiro? [...] Os saloucos afogaban a sua voz; a sua testa incrinábase
tristeiramente por riba da verxa, e as súas mans cruzábanse en aititude de muda
desespranza [...] Durante algúns anos todol-os días 16 de Xaneiro, chegaba â
mesma hora; demorábase algún tempo ao pé do sartego e despois alonxábase soia,
tristeira [...] ¿Quén era aquela dona? Sen dúbida a namorada do xeneral Sir
John Moore.»
Pido desculpas por
ter podado sen misericordia o texto de don Leandro, pero quen teña interese en
lelo íntegro poderao atopar en “As lendas tradizonaes galegas”, onde vin por
primeira vez unha información sobre a presunta amante do xeneral Moore.
O meu interese por
ela iría en aumento á vista de textos como un de Cunqueiro que conta como a
amada de Sir John Moore alá en Antioquía vira un mozo que ganaba a vida
vendéndolle á xente os soños que desexaban. A inglesa mercoulle un no que de
nena corría por un prado perseguindo unha pomba baixo a chuvia de maio.
«Púidolle comprar tamén, digo eu, un soño cunha mañá de sol no xardín de San
Carlos, e o dux británico nos seus brazos...»
Cunqueiro, poeta,
idealizou a figura daquela muller. Mesmo fala do seu nariz, herdanza dos Pitt
británicos, como: «un atractivo, fino nariz, que ó respirar a fermosa bate as
ás, flor de dúas pálidas pétalas xemelgas.»
Máis lírico se pon
Xosé María Castroviejo ó falar da “infinita e íntima melancolía do xardín de
San Carlos”, «onde salouca baixo o luar o amor imposible de Lady Stanhope,
moribunda de melancolías, sobre o peito xeado de sir John Moore [...], contra
(o cal) se apertou nun convulsivo adeus, que había enterrar logo nos desertos o
seu amor desesperado e romántico». Ou, referíndose á batalla de Elviña, onde
Moore, ferido de morte, é levado á Coruña, e alí falece, «mentres salouca Lady
Stanhope, a súa fantástica e ardente amante, que o seguía desde Astorga».
Sobre o presunto
seguimento de Hester Stanhope ás tropas británicas con Moore ó frente, tamén
fala Landeira Yrago da «lenda da dama galopando O Cebreiro e o país de As
Nogáis para render viaxe nA Coruña, xunto a sir John agonizante». Landeira
cúrase en saúde tratando o feito como lenda. E fai ben. Eu non atopei
información fiable sobre tal viaxe. Tal vez aí se producise un malentendido,
porque Moore morreu en brazos de James Stanhope, irmán de Lady Hester, de quen
se despediu con estas palabras: “Stanhope, dálle recordos á túa irmá”, mentres
outro irmán dela, Charles, morría tamén aquel día na mesma batalla.
No libro “Peregrinos
apaixonados”, de James C. Simmons, hai algúns datos curiosos referidos ó
carácter de Lady Stanhope. Disque, por exemplo, era teimuda, orgullosa e
dominante. Tiña unha ilimitada confianza en si mesma e estaba segura de ter
nacido para mandar. Era alta e forte, cunha estatura de 1,83 m. e unha voz rexa
e profunda. Un coñecido da súa mocidade contaba que “nunca fora fermosa, a súa
cara era alongada, grosa pola parte inferior e moi pálida, parecíase moito a
seu tío, o político William Pitt”.
Ela mesma non tiña
inconveniente en recoñecer que nunca fora atractiva. Era, en cambio, valente,
enxeñosa, cunha intelixencia superior á da maior parte dos homes da súa
contorna. Un amigo de seu tío dixo unha vez que supoñía que só se podería casar
se encontraba un home tan intelixente coma ela, ó que Pitt respondeu: “Daquela
non casará nunca”.
Tamén William Pitt
lle dixo noutra ocasión: “Se foses home enviaríate ó continente con 60.000
homes e daríache carta branca. Estou seguro de que non fallaría ningún dos meus
plans”. Á vista do cal pregúntome que sucedería se en vez de ser John Moore
quen mandaba as forzas inglesas na batalla de Elviña, fose Hester Stanhope. Ó
mellor era outro o resultado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario