Por Pepe
de Rocaforte
Moitas veces soñei a illa de Ítaca, pequena e
de pouco altor, máis amada dos deuses que Lesbos a suave, a selvática Zaquinto,
ou a rochosa Quios, produtora de bo viño segundo o poeta clásico. Cos ollos da
mente abarquei desde o monte Nérito, escaso promontorio, toda a súa extensión.
Parei no altiño de Hermes, sobre o porto, co sol a se acochar detrás de
Cefalonia e a tona do mar coma un espello de ouro baixo os seus últimos raios.
Adiviñei a ubicación do altar dedicado ás Ninfas á entrada da cidade. E a fonte
de Aretusa, ó abrigo da Rocha do Corvo. E a enseada de Forcis coa súa curva
rotunda, case cerrada sobre si, como San Martinho do Porto en Portugal. E nada
máis, porque alí non hai nin palacios nin templos para atraer ó pouco probable
visitante.
Pero agora esquézome de Ítaca e de Homero
para baixar a unha máis prosaica realidade e aconsellar a algún posible lector
con idea de se desprazar a Grecia por se, entre as moitas posibilidades que se
lle ofrecen, se decide por un pequeno e en principio non moi caro cruceiro
polas illas de Hydra, Poros e Aegina.
Non se lle ocorra eso, amigo. En primeiro
lugar porque vai facer o periplo nun barco tan abarrotado de xente que moita
dela deberá ir de pé toda a travesía ou, todo o máis, sentado ou deitado no
piso da cuberta. E se se anima a xantar no barco deberao facer nunhas mesas
onde os comensais teñen que se “acomodar” coma sardiñas en lata, case sen poder
despegar os brazos do corpo para manexar os cubertos.
Xa en Hydra, a primeira illa a visitar,
tampouco se lle ocorra aceptar a proposta opcional dun pequeno percorrido
turístico a pé polo lugar. O único que se me vén á cabeza para cualificar este
percorrido é dicir que é unha estafa. Para facerse unha idea: en Hydra están
prohibidos os vehículos de motor. Todo o máis, quen leve equipaxe, pode alugar
un burro ou un cabalo, hainos abondo no porto. Pero ó dicir que non están
permitidos os automóbiles xa se farán unha idea da escasa extensión da illa.
Andando pódese percorrer enteira en pouco máis dunha hora. E sen necesidade de
guía ningún.
En Egina tamén se lle ofrecerá ós turistas a
posibilidade de dúas visitas opcionais: ou ben unha panorámica da illa, ou ben
o desprazamento ó mosteiro de San Nectario e ó templo de Afaia, que forma un
“triángulo sagrado” cos de Poseidón, no cabo de Sunión, e o Partenón de Atenas,
seica trinta anos máis moderno. Escollín esta última opción e alá subín nun
autobús renqueante, no cal non se oían as explicacións da guía, os cintos de
seguridade estaban estragados e os asentos nun estado máis ben deplorable. Polo
que me comentaron, ós que fixeron o percorrido panorámico sucedéronlle tres
cuartas partes do mesmo.
Así as cousas, de Poros xa non vou falar. E
se no futuro se me ofrece a posibilidade de volver viaxar a algunha illa grega
teño claro que me decidirei por Ítaca, onde segundo conta Javier Reverte en
“Corazón de Ulises” non hai practicamente ningún atractivo dos que se utilizan
para atraer os turistas que, naturalmente, alí case non chegan.
Haberá que tomar nota, logo.
ResponderEliminar