Por
Pepe de Rocaforte
Se a alguén se lle
ocorre ir pasar uns días en Nova York e un domingo pola mañá non sabe para onde
tomar, recoméndolle ir dar unha voltiña pola rúa 125 en Harlem, tamén coñecida
como Avenida Martin Luther King. Alí poderase encontrar cunha das lendas vivas
de Harlem: Franco O Grande, Franco The Great, un homazo de considerable
estatura, negro, xa maior, con sombreiro e gafas de sol, xuvenilmente vestido
de pantalón e chaqueta vaqueira.
E se o paseante
dominical se achega a falar con el, logo dun abrazo cordial, Franco informarao
coa maior seriedade do mundo de que é galego. Moreno, pero galego, parente do
xeneral Franco, aquel tipo pequeniño e rechoncho que mantivo a España debaixo
da súa bota militar durante case corenta anos de amarga memoria. O home ten a
súa retranca e desenvólvese con soltura na arte de ser simpático e facerse
querer. O obxectivo é naturalmente vender mellor os seus cadros, pero
agradéceselle igual o comportamento.
Franco (The Great),
pintor, autor de grafittys, muralista, coñecido como “O Picasso de Harlem”,
vénse dedicando desde hai anos a realizar murais e pintadas na rúa,
particularmente na 125, como digo, onde instala todas as mañás de domingo,
frente ó Teatro Apolo, de onde saíron tantas figuras da música negra (Michael
Jackson, entre outros), uns taboleiros coas súas obras pictóricas á venda.
A razón de montar a
tenda en domingo débese a que nese día os establecementos comerciais da rúa
están cerrados e teñen baixadas as persianas metálicas, transformadas por
Franco en obras de arte, facéndolle así posible ós paseantes admirar as obras
en gran tamaño das que el é autor.
Franco, en realidade
natural de Panamá, de nome Franklyn Gaskins, leva máis de cincuenta anos
instalado en Nova York, onde acadou popularidade e amizade con xente como Nat
King Cole ou Cassius Clay, a quen pintou, e é hoxe unhas das atraccións
turísticas do barrio onde se instalou de mozo.
As reproducións de
algunhas das súas obras na rúa 125, feitas por min, non teñen un mínimo da
calidade esixible, pero se alguén quere velas mellor fotografadas e ó mesmo
tempo poñerse en contacto co artista sen necesidade de se desprazar a Harlem,
pode picar esta páxina e ver o que hai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario