xoves, 2 de agosto de 2018

HIROSHIMA, DRESDE, COVENTRY, GERNIKA

Por Pepe de Rocaforte
     Dicía hai anos don Vicente Risco que “tódalas cousas son asegún”, o cal vén ser unha variante de “todo é segundo a cor do cristal con que se mira”, en afirmación de don Ramón de Campoamor. ¿Ou tal vez de Calderón de la Barca? Non, paréceme que quen o dixo foi o señor Campoamor, aquel popular filósofo en versos rimados de hai uns cento pico de anos.

Pero é o mesmo, tanto a frase de Vicente Risco coma os versos de Campoamor viñéronme á cabeza o outro día recordando as palabras de Man, o Alemán de Camelle, cando me contou que marchara do seu país ó ver como as cidades alemás reconstruían os edificios arrasados polos bombardeos da Segunda Guerra Mundial volvéndoos deixar tal como foran anteriormente, o cal lle parecía un lamentable intento de borrar a memoria dun pasado que se debería ter moi presente para impedirnos recair na destrución e barbarie representada por todas as guerras.
Non sei se Man marchou de alá por causa deso, ou se se lle ocorreu esta motivación a posteriori. Dáme igual, o caso é que diante da Igrexa Memorial Kaiser Guillermo, en Berlín, que por decisión dos berlineses permanece tal como quedou despois dos bombardeos dos Aliados, pensei que se o miramos doutro xeito, o deixar en pé estas mostras da barbarie humana, trátese de Dresde ou de Coventry, de Guernica ou de Hiroshima, tamén pode servir para alentar uns ánimos de revancha en certas mentes ultra-belicosas dun país ou doutro, o cal tamén é sumamente perigoso.
Certo que na Alemaña hai cidades onde as reconstrucións non se axustaron totalmente ó modelo anterior. Por exemplo en Frankfurt, unha cidade disposta, polo que se ve, a converterse nunha Nova York alemá, á vista de tantos rañaceus como lle están medrando en todo o espacio urbano, decidíronse por un modelo intermedio: reconstruír a casa de Goethe tal como era anteriormente e, ó lado, construír un edificio de nova factura onde acoller un museo dedicado a quen se considera o máis grande escritor do país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario