xoves, 23 de agosto de 2018

OS HÓRREOS DA EIRA DA ERMIDA



Por Pepe de Rocaforte

     Xunto coa gaita redonda, o caldo de grelos, o “Luar” de Ghaioso e o polbo á feira (por favor: non pronuncien “polbo” con “o” aberto, coma o noso simpático e malicioso amigo políglota), o hórreo é unha das imaxes máis típicas da cultura e da paisaxe galega.
Famosos -relativamente famosos, porque entre nós todo é relativo (ou “asegún”)- son o hórreo de Carnota (trinta e catro metros de longo), o de Lira (trinta e seis metros) e o do Araño (trinta e sete metros), todos eles alargados no intento evidente de mostrar “quen a ten máis longa” entre os amos do noso mundo rural e, en boa parte, do mundo en xeral.

Vese clara a intención no caso dos propietarios do hórreo de Carnota, quen ante o superior tamaño do veciño hórreo de Lira, aumentáronlle once metros ó seu. ¿E a quen pertencían ambas construcións? Pois á igrexa de Carnota e á igrexa de Lira respectivamente. Como era propiedade da igrexa do Araño a edificación campioa nesta disputa. Hórreos todos eles que os señores párrocos poñían a disposición dos veciños para o almacenamento do seu millo contra o preceptivo pago das debidas comisións polo servicio prestado.
Por todo eso prefiro as agrupacións de hórreos domésticos, de máis humilde tamaño e cada un de propiedade particular, que en varios lugares do país levantaban os veciños nun terreo comunal, e que aínda hoxe, non dedicados ó uso orixinal, seguen a embelecer as localidades onde as súas construcións, máis ou menos coidadas, perviven.
Tal vez o conxunto de hórreos máis coñecido na nosa terra sexa o de Combarro pola súa situación sobre a liña do mar, nunha fermosa conxunción de mundo labrego e mundo mariñeiro. (Neste caso tamén se poden citar os hórreos de Bornalle, preto de Muros, non tan espectaculares).
Pero na Galicia interior hai tamén outras agrupacións merecentes de admiración. Sen esquecermos as veciñas do norte de Portugal: a de Soajo e, particularmente, a de Lindoso, con cincuenta hórreos que semellan emprender o asalto á fortaleza situada no alto do terreo por onde avanzan no seu paralizado ataque. Nós temos os de Pedre, no concello de Cerdedo, totalmente restaurados hoxe en día. E os da Merca, de máis recente construción, todos eles de principios do século XX, e tamén recentemente restaurados.
Pero tal vez polo seu acceso, á marxe das vías de maior tráfico, como pola situación, dominando desde a súa altura o fermosísimo val de Quireza, como pola humildade do entorno, a agrupación de hórreos para min máis apreciada é da Eira da Ermida, na parroquia de Filgueira, concello de Cerdedo. Lamento moito que a foto coa cal acompaño este comentario non lle faga xustiza á beleza do lugar, pero para remediar a carencia, sempre se poden achegar vostedes por alí a lle facer unha visita. Verán como paga a pena.

Ningún comentario:

Publicar un comentario