xoves, 16 de agosto de 2018

O METODO SANGENJO


Por Pepe de Rocaforte
Santiago é unha cidade urbanisticamente afortunada. Desde os tempos en que decidiron construír unha catedral xusto enfrente do estratéxico miradoiro do Paseo da Ferradura, ata o día de hoxe, en que a abrazaron amorosamente con amplas autovías de circunvalación, con túneles para facer máis fluído o tráfico de vehículos e, sobre todo, con esa enorme colección de parques e xardíns, desde os máis antigos ós máis recentes: Bonaval, Belvís, Vista Alegre...
E, entre os máis recentes, ese parque de considerable extensión, non sei se o máis grande da capital de Galicia, que se estende pola ribeira do Sar, bautizado co nome de Eugenio Granell, pero tamén coñecido co nome dunha antiga finca, un bo anaco da cal pasou a formar parte del: El Pajonal.
Aquí é a onde quería chegar hoxe. O nome de “El Pajonal”, evidentemente non galego, xa lle vén de séculos atrás a ese lugar, e polo tanto non semella moi doada a súa erradicación, sobre todo se se fai polo que se me ocorreu chamar “método Sangenjo” (que igualmente se podería denominar co tamén antolóxico, aínda que máis xeralmente aceptado, “Sanjurjo”. Ou toda esa reste de “Rianjos”, “Jubias” e “Arteijos”). Seguindo ese método unicamente é preciso versionalo como “O Paxonal”.
Impresentable, ¿non si?
Así parece, e debeu haber alguén que se deu conta e daquela propuxo unha versión máis aceptable: “O Restollal”. “Restollo”, “restrollo”, ou “restreba” semellan as traducións máis lóxicas para o castelán “pajonal” ou “rastrojo”. Pero ¿restollal?, pregunto eu. Bautizouse con tal nome a avenida que sube da Ponte Pedriña ó Castiñeiriño, ¿e non será esa unha remisión innecesaria ó vello nome castelán?
Non atopei no dicionario nin “restollal”, nin “restrollal”. Nin tampouco “restrolleira”, dita sexa a verdade, que me parecía un termo máis axeitado á nosa fala. Pero temos en cambio “restrebeira” (“terra ou conxunto de terras que quedaron de restreba”). ¿Non semella a versión máis axeitada para substituír a “pajonal”?
Xa sei o escaso eco que poden atopar estes meus comentarios, pero se por casualidade alguén que me lea ten a posibilidade de facelos chegar a unha certa altura na que se tomen, ou polo menos se discutan, decisións sobre o tema, agradeceríalle a súa colaboración.
Graciñas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario