mércores, 25 de xullo de 2018

A CIDADE DOS BUNDDENBROOK


Por Pepe de Rocaforte
     
Non me sentía moi decidido a visitar Lübeck, cidade a cousa de cincuenta quilómetros de Hamburgo, no estuario do río Trave, por causa dunha información segundo a cal durante a segunda guerra mundial o oitenta por cento da poboación ficara destruído polos bombardeos aéreos dos Aliados. Tal vez a miña informante se confundiu, ou máis ben entendinlle eu mal, porque posteriormente aseguráronme que os ataques da aviación británica só destruíran o vinte por cento do centro histórico.
O Domingo de Ramos de 1942, Lübeck sufriu un único ataque aéreo, que non se repetiría “gracias” a tratarse dun centro loxístico da Cruz Vermella. A maioría das súas edificacións antigas, declaradas pola Unesco “Patrimonio da Humanidade”, permanecen practicamente intactas desde a Idade Media e non son produto da falsidade dunha reconstrución ocultadora da historia última, como opinaría Man de Camelle.
Con tal certeza xa fun de mellor gana coñecer a que na época medieval foi capital da Liga Hanseática, formada en 1356, cando se reuniu aquí a primeira Dieta (Hansetag). A Hansa medraría e acadaría tanta forza que chegou a declararlle a guerra a Suecia (e vencela). Nos seus mellores tempos formaban parte dela unhas noventa cidades libres do norte de Europa.
Por certo, o santo patrón dos comerciantes da Hansa era Santiago Apóstolo, polo cal non é estraño que na Baixa Idade Media os peregrinos procedentes dos países escandinavos chegasen ó porto de Lübeck para desde aquí iniciar a “Ruta Baixa” do Camiño de Santiago.
Á parte do orgullo de ser o lugar onde se creou a Hansa, hoxe os seus habitantes gábanse de contar con tres Premios Nobel. Aquí naceron Thomas Mann e Willy Brandt, e se ben o terceiro, Günter Grass, non naceu en Lübeck, aquí viviu os últimos vinte anos da súa vida.
Non visitei a “Willy Brandt Haus”, nin a “Günter Grass Haus”, pero si fun coñecer a “Buddenbrookhaus”, a casa da familia Mann, un fermoso edificio branco na parte alta da cidade antiga, onde se desenvolve a historia de “Os Buddenbrook”, a familia de ficción protagonista da novela do mesmo título, unha das grandes obras do primeiro Premio Nobel local.
Este edificio, destruído no bombardeo de 1942, foi reconstruído e comprado polo concello de Lubeck en 1993 para instalar o museo dedicado ós irmáns Thomas e Heinrich Mann. Á súa entrada recíbenos a escultura de Thomas, pintada de cor rosa como recordatorio da súa non declarada homosexualidade, que nos convida a coñecer a historia familiar, ilustrada por medio de fotos, libros, mobles, películas, etc., desde que en 1841 a comprou o avó do Premio Nobel, ata a morte dos seus derradeiros descendentes.
Entre moitas outras cousas que ver en Lübeck no espacio dunha tarde de verao, a quen sinta curiosidade recomendaríalle achegarse á Porta de Holstein, do século XV, cunha inclinación similar á da Torre de Pisa, visitar a Praza do Mercado, o vello Axuntamento, a igrexa gótica de Santa María e os antigos almacéns do sal na ribeira do Trave. E, ¿como non?, subir á torre da igrexa de San Pedro. Custa catro euros, pero ten un ascensor que nos leva case ata o alto, desde onde a vista de paxaro se domina toda a contorna do núcleo antigo da cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario