venres, 10 de agosto de 2018

OS INIMITABLES GALEGOS


Por Pepe de Rocaforte

    Hai xa bastantes anos chamoume a atención un cartel no interior dunha igrexa de Valença do Minho. Ultimamente levaba un tempo dándolle voltas á información contida nel e pedinlle a algúns amigos que me confirmasen os datos que gardaba na memoria, pero ningún me soubo dar noticia sobre o tema, así que nestes días pasados, aproveitando unha pequena viaxe, achegueime a Valença para volver ver o texto que me chamara atención anos atrás.
      Ás oito, hora de Portugal, atopei todo pechado aínda na fortaleza. Dei uns paseíños tratando de localizar a igrexa obxecto da miña busca e pareceume que debía ser a capela do Bon Jesus. Un home que por alí andaba confirmoume que, efectivamente, alí estaba o tal cartel. Tamén me dixo que a persoa ó coidado do templo era un señor de máis de noventa anos, ultimamente non moi ben de saúde, pero no seu lugar, sobre as nove ou nove e media, viría unha muller abrir as portas e podería visitar a capela.
     Cando por fin puiden entrar fun directo fotografar o cadro, cuxo texto reproduzo (por se non se ve ben na foto): «A imagem de Nossa Sra. Do Carmo (padroeira militar de Valença), levada pola fe do 21 de infantaria, animou-o, e ao exercito aliado, durante os quatro anos da campanha contra as Aguias Napolionicas, estando presente nas batalhas de Bussaco, Fuentes de Oñoro, Badajoz, Salamanca, Victoria, Pirineus, Nivelle, Orthez e Toulouse.
     »Impelido por força milagrosa, a heroica acção do antigo regimento de Valença mereceu a Wellington, além da classificação da primeira infanteria do mundo, uma bandeira especial, com os seguintes versos de Camões a letras de oiro:
      E julgareis qual é mais excelente
      Se ser do mundo rei se de tal gente»

      Á vista dese texto veume á memoria naquel tempo o da placa do xardín de San Carlos, na Coruña, que me permito traducir: «Da proclama que o xeneral inglés Lord Wellington dirixiu ó exército despois da gloriosa batalla de San Marcial en 31 de agosto de 1813. Guerreiros do mundo civilizado aprendede a selo dos individuos do 4º Exército que teño a dita de mandar. Cada soldado merece con máis xusto motivo ca min o bastón que empuño. Todos somos testemuñas dun valor descoñecido ata agora ...... Españois, dedicádevos todos a imitar ós inimitables galegos. Cuartel Xeral de Lesaca, 4 de setembro de 1813.»
      Entón pregunteime: ¿Igual que o Tenorio, Wellington “eso dicíallo a todas”, ou co de “galegos” referíase ós portugueses do norte e nós arrimamos o pau á nosa vela? Hoxe penso que incluía a todos, galegos e portugueses. Paréceme claro, sobre todo logo de saber que en San Marcial combateu o 4º Exército Español (de Galicia) mandado polo xeneral Manuel Alberto Freire de Andrade, natural de Carmona (Sevilla) e fillo do galego Francisco Freire de Andrade.
      Cambiando de tema: como o señor con quen falei o outro día en Valença parecíame, ademais de moi amable, ben informado, ocorréuseme preguntarlle por outra cousa que tamén me chamara a atención nas últimas visitas á localidade: ¿Que pasou coa fonte monumental que había no medio da Praza da República e para onde a levaron?
      E tal me contou: Aquela fonte, ou chafariz, fora comprada ó convento de Ganfei por un millonario de Lisboa, un galego chamado Patiño, que a levou para unha súa finca. Ó saber do caso, o presidente da Cámara de Valença reclamou a devolución do chafariz, por tratarse dun ben público. Así se fixo, pero á volta duns anos os veciños de Ganfei reclamaron pola súa vez que se o chafariz era de Ganfei, en Ganfei debería estar. E non houbo máis remedio que devolvelo ó convento de onde saíra anos atrás. Para ilustrar o tema busquei en internet algunha foto desa fonte monumental, pero só atopei unha bastante pobre, que reproduzo aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario