Amosando publicacións coa etiqueta literatura e etnografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura e etnografía. Amosar todas as publicacións

sábado, 9 de marzo de 2019

Remedios e placebos

                        
     Cando o mal aperta botamos man do que sexa e onde o médico non pode o curandeiro anima, xa sexa co uso da lixivia ou co emprego de pedriñas de cores porque cada cor ten o seu efecto sobre non sei que parte do corpo. Mais postos a escoller sistemas absurdos eu escollería curar os males do fígado rezándolle a un carrasco na hora do amencer, durante nove días, mentres se rega cos escuros ouriños do doente, ou devolver o ánimo e a afouteza levantando a paletilla, que ó menos ten algo de rito ancestral, de comuñón coa natureza. O caso é que, moitos destes remedios, tan fantásticos como aventurados, aportan un certo alivio que está máis na mente ca na parte danada. Á fin todo placebo é un timo por compaixón.

     Lembrando a novela “El árbol de la ciencia”, Baroja conta daquel médico que entra na habitación dunha moza que está para parir e vendo na mesiña  unha estampa de san Ramón Nonato, o primeiro que fai é impoñerse sinalando a icona: “Ou ese ou eu, porque se o parto sae ben terase por favor do santo e se sae mal terase por falta miña”. ¿Pero quen non se sentiu máis aliviado despois de camiñar descalzo na procesión ou de darlle tres voltas de xeonllos a algunha capela? E a verdade é que aqueles remedios tan peculiares, como o de deitar sobre a tumba de san Guillerme en Fisterra para concibir os matrimonios infecundos, non deixan de ser curiosos pero tamén de recoñecido alivio, neste caso para os esposos que ata alí peregrinaban, con nocturnidade e aleivosía, a poñer todo da súa parte sobre a campa do santo finado. E logo, cando aqueles remedios non aportaban a solución agardada, era “que non estaba de Deus”.

¿Cantas veces, diante de enfermidades incurables, non se evita a desesperación con carameliños azucrados que o médico fai pasar por menciñas?. O efecto  placebo, é a cara amable das pseudomenciñas de outrora. O placebo é unha mentira bondadosa que se estudia nas facultades sen libro de texto, unha necesidade dos desafiuzados. E así mesmo podemos falar do efecto médico, pois igual ca noutrora era de alivio visitar ó sancristán que che impoñía o santo cunha pregaria rutineira para alivio de todos os males, agora éo coller vez no ambulatorio para que o doutor che bote unha man polo lombo, che dea dúas palmadiñas e diga que estás coma unhas rosas e mellor estarás se tomas ou fas esta ou estoutra cousa. Tantas veces, as palabras dunha autoridade ou suposta autoridade na materia é a mellor menciña, e por iso nunca me queixo do que tarda o meu médico con cada doente e aínda propoñería que se lle ampliase o tempo estipulado de consulta, porque todos sabemos que un doutor amable pode mellorar a saúde do paciente, ou ó menos aliviala, sen grandes gastos para a Seguridade Social. Falta facer o cálculo de canto se aforra en medicamentos por minuto de consulta.

     Volvendo á novela de Baroja, para amosar como non todo se cura con pastillas e apócemas, nin a amabilidade é condición propia dos médicos, noutra pasaxe, ante unha gripe, o médico protagonista manda abrir as fiestras para que corra o aire e o griposo sinta a frescura do día, gañando así a antipatía dos incrédulos veciños e parentes. Ou aquel outro doutor que se fixo famoso porque a algunha paisana, sen abrir a libreta das receitas, recibíaa tirándolle un caldeiro de auga e abroncándoa por non lavarse. E eses si que non eran placebos.
  

sábado, 12 de xaneiro de 2019

A marca do sabio


           Contan que cando Filipo de Macedonia recibiu a noticia de que a súa esposa parira un neno, estaba celebrando que o seu cabalo coxo acababa de gañar unha carreira de burros, e o seu exército viña de darlle unha nova vitoria, polo que os augures xa se apuraron a predicir que o infante Alexandre, por vir ó mundo entre tan boas novas, ía ser magno, e Magno foi.
Sobre prognósticos que adiantan o porvir dun neonato tense escrito moito, e deixando a un lado a restra de deuses e heroes precristiáns, predestinados por sinal divino, lembramos dous casos referentes ó neno Xesús, de quen din que cando súa nai foi visitar a súa curmá Sabela para anunciarlle a súa gravidez, o curmanciño Xoán deu un chimpo de alegría no ventre de súa nai. E o outro de cando xa o neno nacera, quen vendo á Virxe aflixida por tan insólito acontecemento, que alixeiraría as linguas da veciñanza, erguéndose no berce anuncioulle quen era seu pai (por se ela non o sabía), e a función redentora que traía consigo.
E como iso de anunciarse antes de nacer ou acabado de nacer non é patrimonio de ninguén, tamén se conta que a nai de Bernardo de Claraval, estando grávida do futuro santo, soñou con un can de forte e potente ladrido, sobre o que o seu confesor augurou que o futuro neno sería para a igrexa fiel e defensor como un mastín o é da casa do seu amo.

Son moitos e aparecen en todas as culturas e estratos sociais os casos de natais que se fan anunciar de maneira sorprendente por medio de sinais que indican como vai ser o cativo ou cativa. E traio isto a conto porque nese álbum de fotos de que veño falando estes días, atopei o retrato dunha muller que viviu en propias carnes un destes anuncios premonitorios; unha muller que se amosa grávida no retrato e sen embargo non deixou descendencia. Cando me interesei por ela dixéronme que tivera un aborto espontáneo por irse da lingua, despois de que, certo día, estando soa na casa comezase a preocuparse porque o seu esposo non daba chegado do mar, e a preocupación ía en aumento a cada segundo que pasaba, ata que de súpeto, unha voz saída das súas entrañas tratou de acougala: Estate tranquila, enredouse cuns amigos.
E aquela voz, na vez de sosegala aínda a preocupou máis, e foi xunto dunha anciá da familia para contarllo e pedir consello. E ben podía a vella aquela, amparada polos anos de sabedoría e experiencia desenganala, que o subconsciente opera así nas persoas preocupadas, facéndolle crer que son voces o que é imaxinación ou suposición ou desexo. Pero iso a anciá non o sabía, porque entre as moitas crenzas de que tiña noticia e acollía con fe cega, aquela voz só podía vir do feto, quen ía nacer co don da profecía. E traía ese don (explicaba ela) por ser primoxénito, descendente en sétima xeración doutro sabio habido nesa familia e de quen ninguén se lembraba. Un sabio que sería recoñecido no momento de nacer e durante toda a súa vida porque había levar marcada no ceo do padal a roda de santa Catarina, a patroa da sabedoría. Mais, para desconsolo da nai, a anciá tamén lle anunciou que, polo simple feito de revelar aquel acontecemento antes de parir, por desvelar o prodixio, o neno non viviría.
A día de hoxe ninguén pode asegurar que sería do cativo se a nai non se fose da lingua.

sábado, 3 de novembro de 2018

A Alma Veladora



   
¿E como sabías a que hora habías espertar cando o único reloxo que existía era o de sol da igrexa? Así de inocente era unha das moitas preguntas que nos faciamos cando eramos cativos, e mentres uns nos falaban de que para iso había un galo en cada casa, outros lembraban a sirena da fábrica, aínda que esta é moito máis moderna que os máis primitivos reloxos mecánicos. Pero mi tía María, quen sempre tiña cousas que contar, sinalando a foto dunha bisavoa súa, unha velliña de tons sepia sentada nunha cadeira e flanqueada a ambos lados polo fillo e a nora, contoume o da Alma Veladora. Esa alma que anda pola noite buscando algo que facer como o finado pai do príncipe Hamlet, pero ó contrario daquel, sen procurar maldade de ningún tipo, senón todo o contrario, agardando que alguén se acorde dela para facerlle o favor de espertalo e así gañar puntos para deixar de penar neste val de bágoas.
Contaba mi tía que aquela anciá da foto, cando tiña que madrugar, antes de deitar rezáballe á tal alma indicándolle a que hora necesitaba estar a pé, e a esa hora exacta acordaba sen as estridencias de ningún aparello mecánico, sen sacudidas nin interrupción brusca do sono nin do soño. E presumía aquela anciá que nunca chegara tarde a ningures porque a almiña veladora nunca lle fallou. E eu na miña inocencia infantil, nesa idade na que afloran os inimigos por unha simple cambadela no recreo do grupo escolar, preguntábame se non habería entre aqueles seres da Outra Vida algún de retorcido pensamento que desfrutase facéndolle trasnadas ós intranquilos mortais que a invocasen. Ocorríaseme que, como mal menor, ben podía quedarse ela mesma durmida e obrigar logo ó mortal invocante sen tempo para almorzar, a acudir tarde, mal e arrastro ós labores encomendados. Pero para negarme tal idea afloraban os contos en que aquel ser pendente da hora dos desacougados veciños fixera verdadeiros prodixios e como aqueles que non crían nela perdían o tren ou a carrilana segundo fose o caso. Eran tantas aquelas historias de favorecidos e desfavorecidos con un ser tan pendente e preocupado polos adormecidos madrugadores que lle pedían axuda, que ata me daba rabia levar reloxo, pois era como se tal aparello viñese a sacarlle o traballo á bendita ánima.

      Logo, cos anos, vin saber doutros seres semellantes, dos que ela viña sendo un arremedo, míticos seres que lle cederon as súas virtudes, mañas e maldades ós novos poboadores do Alén, como era o caso daquel Electrión, a quen Marte lle pediu que o espertase antes da saída do sol, para que ninguén o vise na cama con Venus, casada por aquel entón co pouco agraciado Vulcano. Pero o vixía ficou durmido e o sol descubriu á vista de todos ós dous adúlteros, e daquela Marte, rabioso por pasar tal vergoña, converteu a Electrión en galo para que endexamais se esquecese de cumprir co deber de espertar á xente coa alba.
A Alma Veladora, exenta desa carga de vulgaridade que rodea ó mito clásico, procura congraciarse co mundo a fin de acadar o perdón dos seus pecados e así descansar na Gloria eternamente. Sen embargo, as veces que intentei poñer á proba a tan servizal ser, sempre me fallou, non sei se por orgullo dela, que non admite de ningún incrédulo que lle poña deberes, ou por falta de sintonía miña con tan entrañable crenza, e ó final sempre foi o estridente espertador quen me sacou da cama.

sábado, 13 de outubro de 2018

Pronósticos e augurios



Lembro unha tarde de pesca, cando un veciño me ensinou a recoñecer nunhas nubes a ameaza do nordés que nos obrigaba a recoller as liñas, ou a unha veciña que cada mañá, con só mirar para o oeste, pronosticaba para todo o barrio se se ía poder secar a roupa. Observamos, ou mellor será dicir observaban os nosos maiores, se o gato lava a cara ou cal é a frecuencia do canto dos grilos como pronóstico do tempo, adiantándose coa mesma exactitude, polo menos, ca Meteogalicia. Pero agora, para esas cousas todos temos unha aplicación no móbil que ata nos di que roupa habemos poñer sen necesidade de subir as persianas. E a verdade é que hai unha base científica nestes pronósticos. Outra cousa moi diferente é cando aquilo que puido ser algún día unha casualidade é tomado como anuncio premonitorio, e dáse por certo que se bouran os cans é porque ventan a morte, se o camiño ule a cera é que se está adiantando ó paso dun cadáver, e se é martes, e para máis día trece, é mellor non saír da casa. Destas tamén temos moreas de sinais que se toman ó pé da letra confundindo a demostración empírica coa casualidade. E aínda que non sexan acertadas as relacións causa efecto que poidan ter, a mínima eventualidade converte en evidencia que un corvo grallando atrae a mala sorte.
Hai pois dous tipos de presaxios que a ansia por coñecer os camiños do porvir nos fai confundir, uns que se basean na razón e outros baseados en casualidades que de tanto repetilas entendemos que teñen unha lóxica realmente inexistente, pero acollémolas coa mesma fe ca unha análise de sangue por mor desa necesidade de adiantarnos, de sentirnos previndos, de coñecer de antemán o noso futuro.
Na literatura abundan exemplos destes agoiros, que non pronósticos. Cando as bruxas de Macbeth, lle anuncian que será rei, o que realmente fan é espertar a ambición tanto nel como na súa esposa. Efectivamente están adiantándose o futuro, pero cabe preguntarse se as bruxas coñecían ese futuro ou o incitaban. Asemade, ¿cantas veces o augurio non se narra en pasado, cando alguén conta que el xa viu, xa presenciou ou xa foi avisado de que algo malo ía pasar?, pero non dixo nada, nin nada preventivo fixo, por medo ou por non molestar, co que o vidente xa se converte en cómplice do mal. ¿Cantas veces non se busca no pasado o sinal do que se está vivindo?. E con tantos anuncios premonitorios que temos, e a longa tradición que deles arrastramos, non entendo que non saibamos poñernos en garda para evitar ese mal, como aquel mariñeiro da miña infancia evitaba o nordés observando as nubes a pesares de non saber nada de isóbaras.
 Este verán vin, preto de onde vivo, a un grupo de adiviñas que, armadas cunha ramiña de romeu lle anunciaban ós viandantes o futuro a troco de non sei cantas moedas, e o caso é que había moita xente que se deixaba enlear por tan pintorescas psicólogas; e con elas, igual ca coas bruxas de Macbeth, cabe preguntarse ¿coñecen elas o futuro ou provócano?.
    
Necesitamos saber que nos depara o porvir abríndolle as tripas a un polo, botando as cartas ou observando os pousos do café, sen ter en conta se o polo comeu millo ou fariña de penso, se o café era espeso ou se as cartas foron baralladas tres ou catro veces, porque o misterio do augurio sempre é máis atractivo que a razón lóxica dun pronóstico.

xoves, 30 de agosto de 2018

UNHA TARDE EN LINDOSO


Por Pepe de Rocaforte
Subindo río arriba, de Ponte da Barca a Lindoso, os trinta quilómetros de estrada están en boas condicións, ben distintas de cando os percorrín anos atrás. Pero o río xa non é aquel, cantareiro entre penedas, escoltado polo verdor de freixos e ameneiros. Non é só que non poida bañarme dúas veces no mesmo río, é que as pedras desde onde me mergullaba tampouco se ven xa, asolagadas no fondo escuro.
            E pola contra da mellora da estrada, nos hórreos, erguidos como exército asaltante do castelo roqueiro de Lindoso, o deterioro é a cada paso máis evidente. Tal vez sexa máis importante mellorar estradas que conservar unha formación de “espigueiros” coma esta. Un vello do lugar, con quen botei unha tarde a falar á sombra dos algarrobos, na explanada ó pé do castelo, contábame os seus problemas familiares. A súa muller era moi mandona, a pouco de casar xa empezara con imposicións. Dunha vez tivera con el unhas palabras máis altas que outras por causa da sogra. El calou. «Eu son tranquilo, non me gusta discutir». Calou e pola mañá, pé ante pé, colleu camiño de Lisboa, sen dar un chío, sen lle falar a ninguén da determinación que acababa de tomar.

            En Lisboa botou uns dez anos. Traballaba de camareiro no café dun señor moi bo, algo paisano seu, que lle deixaba durmir no local, debaixo do mostrador, e lle daba unha tarde libre, non lembro se á semana ou ó mes. Nesas poucas horas de folga paseaba polas rúas lisboetas e admiraba aquel prodixio de edificios e de xente. Unha vez, ou dúas, montou no eléctrico e foi ós Jerónimos e deu un paseo pola beira da torre de Belem. «Aquelo é xiro, non esto».
Pasado o tempo, que todo o calma, a saudade fíxoo volver á casa. Non cumpriron explicacións, os fillos medraran, a muller acomodouno no vello cuarto de matrimonio e reanudouse sen trauma a vida interrompida dez anos atrás.
  


     Pero outra vez aconteceu o de antes. A muller era moi mandona. Os cartos traídos de Lisboa alá se foran gastando. Un día o home foi levar unha vaca ó boi. Non sei ben que problemas tivo, explicoumos, pero non llos acabei de entender. De volta na casa a muller armoulle unha das boas pola súa mala cabeza. El calou e non se defendeu. «Eu son moi tranquilo, non gosto de controversias». Calou e ó día seguinte pegou outra volta camiño de Lisboa sen unha palabra de despedida. «A min nunca me gostou discutir».


            Agora xubilárase e regresara unha vez máis ó abeiro do fogar coa súa pensionciña acadada a por de anos de balcão. Así e todo, Lisboa sería xira, pero para vida tranquila, cando un vai vello, non hai coma a da casa propia na aldea.
P.S. Esta semana ando un pouco vago e tomei a colaboración dun texto que escribín alá a mediados dos anos noventa. Desculpen vostedes.