Por Pepe de Rocaforte
No traxecto en que o Miño marca a fronteira entre Galicia e
Portugal, tanto na ribeira norte como na sur, antigamente sementadas
de fortalezas defensivas, levántase hoxe unha reste de pontes que
fan bo o dito de que estas construcións unen o que os ríos separan.
Pola parte portuguesa medra unha sucesión de vilas cheas de
atractivo para o viaxeiro, empezando por Melgaço, a capital do viño
alvarinho, seguindo pola fermosa localidade termal de Monçao, onde
como símbolo de unión no miradoiro sobre o Miño érguese o busto
de João Verde (José Rodrigues Vale) e os seus versos:
Vendo-os assim tão pertinho,
a Galliza e mail’o Minho
são como dois namorados
que o rio traz separados
quasi desde o nascimento.
Deixal-os, pois, namorar,
já que os paes para casar
lhes não dão consentimento.
E seguen a continuación Valença do Minho, a máis visitada
polos galegos, Vila Nova de Cerveira e Caminha, xa entre o río e o
Atlántico.
Debo confesar que, de todas elas, Vila Nova de Cerveira, a pesar de
ter pasado pola súa beira arredor dun cento de veces (e non
esaxero), nunca parara a visitala ata este ano. Sucedeu así: a miña
muller e mais eu estabamos en Valença, e uns amigos atopábanse en
Caminha. Quedamos en reunirnos nun punto intermedio, Cerveira, e dese
xeito pisei por primeira vez as rúas dunha vila que é imperdoable
non coñecermos moito máis nós os galegos, que a temos tan preto.
Ó atractivo das súas rúas e prazas, do seu castelo, monumento
nacional, hoxe ocupado por un establecemento hoteleiro, ou a Praça
da Liberdade, coa igrexa matriz de S. Cipriano, únese unha
intelixente oferta cultural na que destaca a consolidada Bienal de
Arte, que este ano celebra a súa XX Edición, e unha serie de
actividades, algunhas tan orixinais como a chamada “O crochet sae á
rúa”, proxecto comunitario que se ven celebrando, creo que desde
2016, para embelecer a localidade durante o verao, vestindo rúas e
edificios con singulares e monumentais creacións de labor de gancho
(croché ou “ganchillo”) que enchen de alegría rúas e prazas
polas que os visitantes circulamos sorprendidos e admirados.
Se a todo esto lle agregamos a fermosura paisaxística do entorno,
cuns coidados paseos cheos de paz pola ribeira do Miño, paréceme
que atoparemos motivos suficientes para lle dedicar parte do noso
tempo vacacional ó coñecemento desta “Vila das Artes” que o
país veciño nos ofrece como galano.
Anímense a lle facer unha visita e cóntenme despois.
Ningún comentario:
Publicar un comentario