Xa sabedes a historia de
Narciso, aquel namorado de si mesmo que de tanto amor que se tiña
morreu afogado. Desde aquela, todos os narcisos de adxectivo (que non
de nome) foron sinalados como egoístas, insolidarios, presumidos ou
vaidosos entre outras moitas cousas.
E este narcisismo despectivo
nos varóns, converte en presumidas ás mulleres, e se aquel é
rexeitable estoutro ata é estimado. Outra discriminación por sexo
que non sei que ten de bo. Aínda así preocupámonos por educar a
nenos e nenas lonxe da tentación de orgullo e soberbia que arrastra
aquel do mito, a pesares de que logo os metemos en competicións de
todo tipo para demostrar que os nosos son os máis guapos e listos da
súa quinta, aínda a pesares de que, como bos pais, predicamos ós
catro ventos que nada hai máis lonxe das nosas intencións ca
provocar a rivalidade de misses e místeres, porque con ela vai
implícita a envexa, o egoísmo e o malquerer que queremos arredar
dos homes e mulleres do noso relevo xeracional. Pero a verdade é que
se o mitolóxico se pasou de ególatra, un pouco de enfeite non queda
mal.
Tampouco nos preocupa que os
espellos da casa estean enmarcados con frascos e tubos con todo tipo
de cremas, que máis que para o aseo persoal serven para fascinar,
para executar ese pecado venial de vaidade e presunción sen a
advertencia de perigo: “arrédese do alcance dos cativos”, e ata
nos fai gracia o neno traxado e engomado ou a nena de beizos
emboutados de vermello. ¿Quen non enzoufou a cara imberbe coa escuma
de afeitar de seu pai?.
Mais con todos os defectos que
lle queiramos ver, o narcisismo, cando non é esaxerado, ata queda
ben e pode ser unha virtude, pois ó lado diso que semella pecado de
soberbia aparecen eses outros aspectos que converten a autofilia na
virtude das persoas abocadas ó éxito social, con seguridade en si
mesmos, autoestima e certo afán de superación que as leva a
triunfar tanto na escola como no traballo ou na relación de parella.
Moitas veces porque tamén saben agochar os fracasos mellor ca
ninguén. E así o demostraron na universidade de Belfast tras tomar
mostras en distintos países e entre distintas persoas, estudantes
sobre todo, entre os que os narcisistas, aínda demostrando que non
eran os máis intelixentes do grupo, si foron os máis seguros na
hora de resolver algún dos conflitos presentados, chegando a superar
a outros que de partida estaban mellor preparados, e todo grazas á
súa perseveranza.
Todos coñecemos a alguén
así.
E é que, sen confundir ó
narcisista co esforzado nin ó teimudo co ególatra, visto polo
miúdo, calquera que sexa quen de contemplarse reflexivamente, xa
sexa corrixindo engurras ou retocando pensamentos, sempre terá ideas
máis sólidas que o descoidado a quen todo lle dá igual, o cal vén
sendo o primeiro paso para sentirse seguro, arredar a vergoña e
botarlle cara. E iso enténdese que é o secreto que está detrás do
éxito. De feito, acaban asegurando os investigadores que lle
dedicaron tempo e paciencia a estudiar as virtudes do narcisismo, que
se non fose por esa antiga crenza que os sinala como presumidos e
presuntuosos, demasiado preocupados dos enfeites e das modas, nos
tests de admisión ás distintas facetas da vida, esa tacha sería un
valor engadido, dada a forte personalidade con que se engalanan, por
non se deixar intimidar doadamente, por non rexeitar os desafíos e
aínda por crecerse diante das adversidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario