xoves, 13 de setembro de 2018

O DESMANTELAMENTO DO VERAO


Por Pepe de Rocaforte
  
    

            Hai uns días sorprendeume un amigo con quen estaba de conversa ó me dicir que xa había tempo que non nos reuniamos con Xabier Docampo, con quen tomabamos algún café de vez en cando. “A ver se o chamamos e quedamos para un día destes”, díxome. “¿Pero non sabes que Xabier morreu xa van alá dous meses?”, estrañeime. E non, non soubera nada de nada.


            Ós que estamos no “rollo” este da cultura galega e os seus arredores resúltanos estraño que a alguén por aquí lle pase desapercibida a morte dunha persoa como Xabier Puente Docampo; pero haivos moita xente que se move noutros mundos afastados do noso, aínda dentro deste pequeno mundiño ó cal algúns chamamos Galicia e outros Galiza.
            Parece que non nos decatamos, ou non queremos decatarnos, da existencia doutra xente, tanto aquí como en Bahawalpur, por nomear o primeiro lugar exótico que me ven á cabeza, que vive noutros mundiños, igual de pechados que o noso, pero dos cales os seus ocupantes pensan que se trata do único mundo real que nos envolve a todos.
            Enlazo agora con outro tema:
A fins do mes pasado daba por rematado o verao, cuxo final se concreta no meu caso no desmantelamento das casetas que nos paseos dos xardíns do Recheo lle dan outro aire á Coruña coas feiras do “comic”  e do Libro, novo e vello. E pensaba que a todo o mundo, o que desde a miña estreita concepción consideraba todo o mundo, lle debía suceder máis ou menos o mesmo que a min.
            Pero coma no caso do amigo que non tivera noticia da morte do seu amigo Xabier Docampo, residente ademais na mesma cidade,  o outro día, nunha sección dun xornal coruñés onde a diario se interroga a diferentes persoas sobre un determinado tema, á pregunta de que opinión lle merecían as Festas de María Pita, había quen dicía que, vaia, non estaban mal, pero había cousas que xa compría pensar en ir cambiando, como por exemplo eso das Feira do Libro, todos os anos sempre o mesmo, sempre o mesmo. ¿Non se lle ocorrería os organizadores das festas algunha outra cousa mellor?
     


            Acabo de escribir esto e lémbrome de que hai máis ou menos un ano tamén se me ocorreu escribir unhas palabras sobre a Feira do Libro e sorpréndome de que o enfoque que lle dei a aquel comentario foi moi parecido ó deste opinante actual. ¿Cambiei eu desde entón de maneira de pensar ou será tan só unha cuestión de matices? Non o sei, pero ese pensamento tráeme á memoria un poema de Jaime Vaello que di: “xa non son no ser que era no vrao”.
¿Teñen vostedes observado en si mesmos algunha vez a mesma impresión de non ser a mesma persoa que era uns meses atrás? ¿Cantos seres distintos seremos, ó mellor sen nos decatar, a medida que pasa para nós o tempo?

 



Ningún comentario:

Publicar un comentario