No termo de tres meses Xulio
estivo vendo a lúa de sangue entre os templos de Agrigento, a auga
burbullando en Fontibre e o reflexo do sol nunha das fiestras da
“Casa do Garda” no parque Güel de Barcelona, pero non sacou
ningunha foto no Facebook. En poucos meses, o amigo Xulio viaxou en
coche, en autobús, en avión e en barco, pero só o souberon os
compañeiros de asento ou os familiares e amigos a quen lles trouxo
algunha lembranza da viaxe.
¡Que pouca propaganda se
fai!.
Ó largo deses tres meses
asistiu a unha foliada e recitou algúns poemas na Casa dos Poetas de
Celanova, foi nadando varias veces ata a Insa da Pirilla, papou unha
mariscada en Corrubedo, unha fabada en Llanes, un cocido montañés
en Santillana, e unha “paranza” en Siracusa; bebeu txacolí para
acompañar un marmitako fronte ó museo Guggenheim de Bilbao e
tampouco sacou nada no Facebook; e contóunolo porque chegou á
conclusión de que quen non publica a súa vida nas redes sociais
parece que non vive, que quen non vai a un restaurante armado de
cámara e tomavistas semella que pasa fame, que quen non manda parar
ó taxista para fotografar unha paisaxe determinada semella que é
cego; e publicar todo iso e moito máis vén sendo algo así como
unha fe de vida, un certificado de benestar ou unha declaración de
superioridade.
A propaganda vital, tan
necesaria para non ser menos ou para amosarse superior, ten no
Facebook o sistema máis barato de comunicación. En xeral, as redes
sociais están creando unha certa adicción que nos obriga a publicar
todas as nimiedades da nosa vida e a ver e criticar as dos nosos
veciños, amigos, familiares e “followers” que nunca coñeceremos.
Amigos teño a quen segundo o publicado nada lles vai mal na vida,
teñen opinión para todo e ata son quen de facer grandes
descubrimentos onde os máis expertos catedráticos de universidade
non dan chegado.
Algúns especialistas en redes
sociais, aseguran que, xa sen contar co mal gusto e o insulto doado,
estase facendo un uso dubidosamente ético das redes no que a
cuestións persoais se refire, que se ben deberían ser un medio para
compartir coñecemento, convertéronse nun medio para amosar as
miserias á procura da fama, do instante diario de gloria ou de certa
presunción sen nome invadíndonos con fotos, vídeos, opinións e
propaganda que coa facilidade de mover un dedo non nos paramos a
ponderar suficientemente.
Xulio opina que se nos
animásemos a contar as nosas aventuras diarias ou a opinar cara a
cara, en compaña, nun parladoiro ou nun rueiro, sen medios
interpostos, arredados desa soidade sen crítica que nos impón o
ordenador ou o móbil, sentindo a voz do noso interlocutor, sen
comprometidas iconas de cariñas esquemáticas nin dedos erguidos,
senón vendo a expresión real que as nosas opinións provocan en
quen nos escoita, talvez seríamos máis humildes. Porque a través
da rede non sempre apreciamos a verdade dos sentimentos, nin os
sentimentos se amosan con toda a franqueza que un cara a cara impón
aínda cando as palabras queiran disimular e mentir.
E a pesares de todo, confesa
Xulio, todos os días temos a rabiosa curiosidade, vicio ou adicción
de ver como lle vai ós nosos “followers”, que comen, onde están,
quen torceu un pé ou quen almorzou un café negro e sen azucre tras
unha noite de esmorga. Tan importante é contar a vida e tan curiosos
somos coa vida allea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario