Por
Pepe de Rocaforte
Hai cousa dun par de meses citaba
aquí o caso de Lübeck e os seus tres premios Nobel. Hoxe acordeime de Rianxo e
os tres grandes escritores do século XX nacidos nesta vila. Aínda que ningún
deles recibise o premio Nobel, tampouco a cousa é para lle dar unha importancia
maior da que ten, sobre todo se lembramos que Winston Churchill foi agraciado
en 1953 co Nobel de Literatura, ou que Henry Kissinger “mereceu” o Nobel da Paz
en 1973, feitos ambos, xunto con outros máis próximos e de xeral coñecemento,
que deixan un tanto devaluado tal galardón.
De Rianxo, xa digo, sen necesidade
de seren recoñecidos e bendicidos pola Academia Sueca, son tres das máis
grandes figuras da nosa cultura, como ben saben vostedes: Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste. De
Castelao, o máis popular e polifacético dos tres, foi de quen primeiro empecei
de neno a ter información coa lectura das súas “Cousas” e os debuxos de “Cousas
da vida”.
Os textos de “Cousas” gravaríanse de
tal xeito na miña memoria que case cheguei sentir como do meu entorno as rúas e
casas rianxeiras, e parecerme veciños meus os personaxes dos seus relatos e
debuxos. Agora mesmo vénme o recordo da historia na que conta a chegada á ría
de Arousa da escuadra inglesa e o pánico que fixo medrar nos veciños da vila a
visión do campanario da igrexa parroquial iluminado na noite pola luz eléctrica
dos barcos británicos.
O debuxo da torre iluminada na noite recórdoo cantas veces vou a Rianxo
e me paro a gozar coa beleza daquela praza, hoxe chamada de Rafael Dieste,
acoutada por unha parte pola fachada da igrexa parroquial e por outra pola
balconada señorial do Pazo de Martelo, antiga casa do poeta e almirante
medieval Paio Gomes Chariño e hoxe Biblioteca Pública Castelao.
Pero (sempre ha de aparecer un pero)
no conxunto urbano de Rianxo tamén encontramos desgraciadamente mostras dun urbanismo
impresentable que vén destruír en boa medida a fermosura da poboación. E como
din que unha imaxe vale por mil palabras (cousa coa cal non estou de acordo,
mais que vou utilizar neste caso) acompaño a foto con esa mestura de hórreo,
lancha e paredes medianeiras ó aire no medio e medio da vila. ¿Non habería
xeito de remediar semellante desfeita?
En Lübeck estou seguro de que tal
cousa non sería permitida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario