sábado, 27 de outubro de 2018

Buck non lía os xornais


   
   

“Buck non lía os xornais e non podía saber da maldade da xente”. Máis ou menos así é como empeza “A chamada do salvaxe”, de Jack London, toda unha advertencia para introducirnos na serie de calamidades que o can do xuíz Miller vai pasar despois de ser roubado, vendido, maltratado e escravizado. As calamidades, que el non podía prever porque non lía os xornais, serán as que lle dan a razón de ser á súa vida, e por elas será que pon os pés na terra, ou na neve para ser máis exactos, porque ata o día en que foi roubado, o can era un privilexiado. Non lía os periódicos nin falta que lle facía, e non tiña nada de que preocuparse. Mimado polo seu amo, con toda unha mansión co seu xardín para desfrutar, correr e xogar, sen máis ansia ca agardar polo xuíz para acompañalo fronte á cheminea cada tarde, alleo a todo o que pasaba no mundo, ata que houbo de aprendelo pola brava, cando a mansión do xuíz Miller deixou de ser as anteolleiras que lle limitaban a realidade.


Teño un veciño con quen me cruzo cada mañá camiño do quiosco, quen me saúda coa manida frase “¿A buscar o mentireiro?”. E logo quedo pensando  se tal alcume para un xornal non será unha desculpa súa para non perder o tempo lendo o periódico ou simplemente para quitarlle mérito. E sen embargo, cando cadramos no bar ou nunha tenda sempre ten argumentos para discutir de todo aquilo do que se fale. Daquela hei pensar, ¿quen é o mentireiro?. Pois  no momento en que se opina xa se está versionando a noticia. E como moi ben sabemos, toda noticia redactada ou comentada convértese en opinión co simple engadido dun adxectivo. Como queira que sexa eu desfruto moito escoitando os seus argumentos como desfruto lendo un periódico con papel e lapis.


Non sei se o conto do can Buck se lle poderá aplicar hoxe en día a ninguén, nin sequera a este veciño meu que ten por mentireiros a todos os informadores. E se ben certo é que en moitos casos a sobreinformación crea máis descoñecemento ca coñecemento, tamén o é que toda noticia depende do redactor que a dea, coas súas filias e fobias. Nada máis acertado que o refrán aquel de falar da feira segundo nos vaia nela. Á fin, dado que a imparcialidade é a cousa máis difícil de atopar en calquera ámbito da vida, todos nos aproximamos ás noticias que nos dan amparados por unha especie de escudo preventivo contra a tendencia do informante, e aínda así, iso non é desculpa para permanecer á marxe. Por iso é tan importante a materia de filosofía, para ensinarlle ós alumnos a ser críticos, a pensar por si mesmos. 
De todas formas, ¿valeríalle de moito a Buck ler os xornais para prever as vindeiras desgracias?. Posiblemente non, aínda que, de facelo, estas non o collerían tan desprevido . Tantas persoas lían e len as páxinas de economía dos xornais e non se decataron de que lla metían torcida coas preferentes, ou que nola metan con calquera desas fake news que sen necesidade de dicir mentira disimulan a verdade ata facer entender o que non é. E non nos imos queixar agora da falta de imparcialidade dos mass media, porque igual que cando un amigo nos conta dos seus conflitos, aínda escoitando a versión da outra parte, sempre acabamos por darlle máis creto, por mínimo que este sexa, a aquel que estea en maior sintonía con nós. Pero iso non debe impedir que deixemos de escoitar ó outro para contrastar a opinión e evitar a radical defensa ou culpabilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario