sábado, 6 de outubro de 2018

O álbum de fotos


   
   Mi tía María deixoume no testamento unha das súas máis apreciadas propiedades: O seu álbum de fotos; aínda que por el non vou ter que pagarlle nada ó fisco, pois nada vale para ningún taxador. Un simple álbum de fotos co que nos entretiña ós sobriños cando eramos cativos, coma se nos lese algún conto ilustrado de “Pepa Pig” ou dos “Fruitis”, sinalando cada foto tal a viñeta dun TBO e contándonos anécdotas de cada un dos retratados, quen era, a que se dedicaba ou que tiña de singular. Grazas a aquel álbum coñecín a familiares de quen nin podía sospeitar a súa existencia e souben detalles da súa vida con todas as vicisitudes que esta pode ter. Sempre dixen que, á falta dunha voz que cho conte, a estes álbums fáltalles un pé de foto onde se explique quen é cada quen, porque está claro que despois de que falten os que viviron e conviviron cos alí retratados, estes non serán máis que, como dicía León Felipe, “El retrato de un mi abuelo que ganó una batalla”.

      Daquelas historias que mi tía nos contaba, lembro con especial afecto, aínda sen telo coñecido persoalmente, a un tío-avó que aparece retratado con traxe, garabata e sombreiro nunha rúa de Nova Iorque tras a primeira Guerra Mundial. E contaba mi tía que o home non facía máis que escribir preguntando por como andaban co andazo da gripe que aquel ano levou a tanta xente da veciñanza e a varios membros da familia. Pero tamén nos contaba outras cousas que non se vían nas fotos e acaban de redondear o retrato de cada un deles, tal a marca de nacemento que aquel agochaba nunha nádega desde antes de nacer.

Contaba mi tía que estando grávida a nai daquel antepasado noso, certo día, mentres cociñaba un polbo ó modo en que se facía, e aínda se fai, nalgunhas casas desta parte da beiramar, cun prebe espeso a base de patacas, cebola e unha noz de unto, sentiu un proído nunha nádega, e coa man coa que remexía a pota rascouse e inocentemente lixouse co mollo. Logo, cando o neno naceu apareceu coa marca escura da forma dun dedo na tal nádega, que nunca lle desapareceu e lle custou a ingrata sorpresa de que a súa esposa, no día da voda, collese un trapo con intención de limparlla antes de meterse na cama. Porque é ben sabido que a mancha do prebe do polbo e da raia, cando toca a pel dunha muller grávida reprodúcese no crío e fica nel de por vida. Imaxinade que á nai lle dese por rascarse a cara.

      Despois de contarnos o conto mirando con ollos de advertencia para miña curmá, daquela unha mociña que empezaba a mirar para os mozos, mi tía María empezaba a botar pestes contra esa “pitiscada” que ela lle chamaba ó polbo á feira, querendo demostrar que era un invento do interior de Ourense, onde só coñecían o polbo seco das rías, que ela aínda lembraba colgado dunhas varas chamadas cabrias, como un tendal a beber o nordés, onde só sabían adubalo co pemento moído que traían os maragatos polos camiños do sur, sen necesidade de mazalo previamente nin engalanalo con máis nada, mentres que o típico prato de polbo das rías é unha especie de caldeirada de prebe espeso que se toma como prato principal. “Aquí sempre vos fomos moi farturentos, e quen non se farta de polbo fártase de mollar sopas”. Acababa replicando ela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario