sábado, 3 de novembro de 2018

A Alma Veladora



   
¿E como sabías a que hora habías espertar cando o único reloxo que existía era o de sol da igrexa? Así de inocente era unha das moitas preguntas que nos faciamos cando eramos cativos, e mentres uns nos falaban de que para iso había un galo en cada casa, outros lembraban a sirena da fábrica, aínda que esta é moito máis moderna que os máis primitivos reloxos mecánicos. Pero mi tía María, quen sempre tiña cousas que contar, sinalando a foto dunha bisavoa súa, unha velliña de tons sepia sentada nunha cadeira e flanqueada a ambos lados polo fillo e a nora, contoume o da Alma Veladora. Esa alma que anda pola noite buscando algo que facer como o finado pai do príncipe Hamlet, pero ó contrario daquel, sen procurar maldade de ningún tipo, senón todo o contrario, agardando que alguén se acorde dela para facerlle o favor de espertalo e así gañar puntos para deixar de penar neste val de bágoas.
Contaba mi tía que aquela anciá da foto, cando tiña que madrugar, antes de deitar rezáballe á tal alma indicándolle a que hora necesitaba estar a pé, e a esa hora exacta acordaba sen as estridencias de ningún aparello mecánico, sen sacudidas nin interrupción brusca do sono nin do soño. E presumía aquela anciá que nunca chegara tarde a ningures porque a almiña veladora nunca lle fallou. E eu na miña inocencia infantil, nesa idade na que afloran os inimigos por unha simple cambadela no recreo do grupo escolar, preguntábame se non habería entre aqueles seres da Outra Vida algún de retorcido pensamento que desfrutase facéndolle trasnadas ós intranquilos mortais que a invocasen. Ocorríaseme que, como mal menor, ben podía quedarse ela mesma durmida e obrigar logo ó mortal invocante sen tempo para almorzar, a acudir tarde, mal e arrastro ós labores encomendados. Pero para negarme tal idea afloraban os contos en que aquel ser pendente da hora dos desacougados veciños fixera verdadeiros prodixios e como aqueles que non crían nela perdían o tren ou a carrilana segundo fose o caso. Eran tantas aquelas historias de favorecidos e desfavorecidos con un ser tan pendente e preocupado polos adormecidos madrugadores que lle pedían axuda, que ata me daba rabia levar reloxo, pois era como se tal aparello viñese a sacarlle o traballo á bendita ánima.

      Logo, cos anos, vin saber doutros seres semellantes, dos que ela viña sendo un arremedo, míticos seres que lle cederon as súas virtudes, mañas e maldades ós novos poboadores do Alén, como era o caso daquel Electrión, a quen Marte lle pediu que o espertase antes da saída do sol, para que ninguén o vise na cama con Venus, casada por aquel entón co pouco agraciado Vulcano. Pero o vixía ficou durmido e o sol descubriu á vista de todos ós dous adúlteros, e daquela Marte, rabioso por pasar tal vergoña, converteu a Electrión en galo para que endexamais se esquecese de cumprir co deber de espertar á xente coa alba.
A Alma Veladora, exenta desa carga de vulgaridade que rodea ó mito clásico, procura congraciarse co mundo a fin de acadar o perdón dos seus pecados e así descansar na Gloria eternamente. Sen embargo, as veces que intentei poñer á proba a tan servizal ser, sempre me fallou, non sei se por orgullo dela, que non admite de ningún incrédulo que lle poña deberes, ou por falta de sintonía miña con tan entrañable crenza, e ó final sempre foi o estridente espertador quen me sacou da cama.

Ningún comentario:

Publicar un comentario