Por Pepe de Rocaforte
Estabamos o outro día uns amigos dándolle
voltas a unha desas lerias intranscendentes na que non acababamos de nos poñer
de acordo. Neste caso, se non lembro mal, o asunto trataba sobre o lugar onde
está enterrada a raíña Bárbara de Braganza, ou Bragança.
Chegados a un certo punto, botamos man dos respectivos
teléfonos móbiles para ver se o señor Google nos facilitaba a información
requirida, momento no cal me veu á memoria un parágrafo, non lembraba se de
“Andanzas y visiones españolas” ou de “Por tierras de Portugal y España”, no
cal facía Unamuno un dos seus curiosos e atinados comentarios, ó cal lle atopei
relación co caso da nosa conversa.
Busqueino nada máis chegar á casa e aquí llo sirvo a
vostedes. Está en “Por tierras de Portugal y España”, no capítulo dedicado a
Trujillo, e di así: «No casino mostráronnos primeiro a biblioteca (...) cuxo
catálogo podería facer de memoria despois de lle ter botado só unha ollada. O
inevitable Dicionario Enciclopédico, que sirve para dirimir as cuestións con
apostas; a colección de Autores Españoles de Rivadeneyra e os volumes de
dúas ou tres desas chamadas bibliotecas,
xeralmente ilustradas, que se publican en Barcelona». Sen comentario.
Pero no repaso unamuniano á busca desta cita atopei
outros fragmentos que darían excelente tema para algunha outra reflexión. Por
exemplo, no mesmo libro, capítulo dedicado a Guarda (de Portugal): «Viaxar en
compañía non é viaxar, pois quítalle á viaxe o seu máis íntimo encanto: a
soidade. ¡Non coñecer a ninguén! ¡Non ser coñecido!»
En “Andanzas y visiones españolas”, capítulo titulado
“Camino de Yuste”: «O romeiro ou peregrino medieval coñecía moito mellor o país
porque viaxaba máis que un turista moderno (...) Hoxe o camiño é un puro medio
(...) Daquela o interesante, o vivo, era o camiño (...) Hoxe é un puro medio e
vaise devorar ou suprimir no posible, atento só ó fin da viaxe».
Aquí veume á memoria outro recordo: o de cando fixen o
Camiño de Santiago e as impresións recibidas naqueles vinte e oito días de
camiñata desde Saint-Jean-Pied-de-Port ata Compostela, nos que, como dicía
Unamuno, o importante era o camiño e as xentes e as paisaxes e as poboacións
que se che abrían ó longo del. Esa viaxe, ese camiño, foi unha das experiencias
máis inesquecibles da miña vida. E, dentro del, aqueles momentos valiosos nos
que, sentado a soas nunha beira da estrada, parabas a descansar, perdido en
meditacións de non pensar en nada, en silencio e harmonía co mundo arredor de
ti.
Pero esta, naturalmente, é outra historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario