
Certamente,
contra o bombardeo provocado pola rede, cando esta se converte en pretensiosa
arma de argalladura masiva, só funciona un bo escudo mental que che axude a
discernir entre o conveniente e o inconveniente. Agora tamén sei que por orde
ministerial, nas próximas eleccións dispararan, a destra e sinistra, vía redes
sociais os seus mísiles teledirixidos todos os candidatos, directamente á parte
máis sensible de cada un de nós, sen respectar a meditada reflexión que polo
xeral dura máis dunha simple véspera electoral.
O malo dos
Wasaps é facerlle caso sen medir as retorcidas intencións de quen os manda sen ponderación,
sen aprender antes a usar o botón de erased
que vén incluído de fábrica en todos os aparellos. Mais este é o modernismo do que ninguén quere prescindir, o que
todos levamos no peto como pistola ó cinto para mofarnos e ridiculizar sen
medir as consecuencias. Imaxinade que no Senado se prohibise o seu uso acusándoo
de albergar o nubeiro da discordia e se obrigase por lei a exorcizar a rede
social de cada un para evitarlle ós perversos trasnos, verdadeiros delincuentes
ó amparo da nocturnidade electromagnética, a facilidade para teclear, propoñer ou
vangloriarse dos máis profundos e incontrolados actos vandálicos a golpe de
matapiollos, incluso para propagar con prepotencia as sabidas verdades que
todos coñecemos pero non nos gusta oír, de se un xuíz está comprado ou unha
votación amañada. O malo das redes é que invitan á espontaneidade e esquivan a
reflexión. Dicíanos un profesor de ética que se antes de dicir algo o
pensásemos durante un par de segundos, moitas veces ficaríamos calados.
Tanto sería
de agradecer un antivirus contra eses malignos seres expertos en tentar á
humanidade para que cometa todas as rarezas e conductas negativas imaxinables, ou
para que amosen o orgullo, a presunción e ata o falso testemuño. En fin, que as
redes non son as culpables do mal uso que delas se faga e nada se vai gañar con
impoñer o silencio dun toque de queda. O becho segue aí, sempre ó asexo e co
dedo disposto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario