Por Pepe de Rocaforte
Recordo a primeira vez que vin a
Xaime, un día de fin de curso no instituto hoxe chamado “Otero Pedrayo”,
daquela o único centro de ensino medio de Ourense. Montado nunha bicicleta,
pedaleaba polo claustro da planta alta, seguido por un grupo de rapaces que o
animaban co berro de “¡ciclista, ciclista!” Unha transgresión dobre: dunha
parte a de andar en bicicleta polo interior do instituto, e doutra o facelo na
planta alta, onde estaban as aulas das rapazas, ás que non se permitía o acceso
de alumnos do sexo masculino.
Máis adiante coincidiría con Xaime
no equipo de corredores de campo a través que disputamos o campionato
provincial da especialidade, para o cal foramos elixidos nas clases de
educación física segundo o científico criterio
de que quen non é bo xogando ó fútbol, nin ó baloncesto, nin ó balonmán,
servirá para correr, especialidade para a cal non é precisa maior destreza.
A partir de aí medrou a nosa
amizade, da cal só me vou referir aquí ó día, hai algo máis de dez anos, en que
Xaime me chamou por teléfono para me informar da proximidade do seu pasamento a
causa dun cancro de pulmón. “Chegoume o San Martiño”, díxome, tratando de lle
quitar importancia. Pero antes de que tal sucedese gustaríalle ter preto, anque
só fose por unha vez, ós amigos de toda a vida.
Deles había un a quen lle perderamos
a pista moitos anos atrás. Xaime non quería morrer sen volvelo ver e puxémonos
a buscar o seu rastro. Logo de moitas voltas e algunhas viaxes, conseguín saber
del por medio do internet, gracias ó cal descubrín que o home vivía no Canadá,
nunha pequena cidade do norte da Columbia Británica, desde onde veu a Galicia
para estar co amigo naqueles días tristes, axudando coa súa presencia a
facerllos pasar o menos dolorosamente posible.
Agora, cando se cumpren dez anos daquelas datas, os
amigos de Xaime vólvense reunir para lembralo, como pode verse no tarxectón
adxunto. Na outra fotografía que acompaña este texto estamos os membros do
equipo de campo a través que de rapaces fomos disputar o campionato de España.
De esquerda a dereita os tres primeiros somos este que escribe, o amigo que
volveu do Canadá e, o terceiro, Xaime Enríquez, sinalado por un asterisco ós
seus pés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario