Por Pepe de Rocaforte
Estou lendo nestes días “El río de
la luz”, de Javier Martínez Reverte. Sempre me gustaron os libros de viaxes e
aínda que a veces a súa lectura poida resultar un pouco pesada, monótona, non
me parece este un aspecto no que incurra o escritor madrileño, que sempre sabe
alternar diversos tipos de información, desde a xeográfica e histórica, á
literaria, adobada con anécdotas e descricións de personaxes máis ou menos
curiosos cos cales se encontra nas súas travesías.
Neste libro, no que relata unha
viaxe feita no ano 2006 por terras do Canadá e Alaska, no transcurso da cal
durante uns quince días descendeu en canoa boa parte do río Yukon, encontreime
cun capítulo onde fala das súas lecturas favoritas de rapaz. Alí, vin
relacionados autores de quen nada lin na miña vida, como Edgar Rice Burroughs e
Emilio Salgari, ou dos que lín algunha cousa, pero non me resultou atractiva,
como Karl May.
Sen embargo, ó lado destes, na
relación aparecen dous nomes moi importantes para min na época infantil. Un
deles Zane Grey, de quen lin unha boa cantidade de novelas “do Oeste”. E o
outro James Oliver Curwood, de quen non lin tanto, pero recordo con agrado algún
título, ambientado en terras do Canadá, como “Nómadas del Norte” ou “Fuera de
la ley”.
Levado pola saudade daquela época, e
pola curiosidade de ver a impresión que me producirían agora aqueles autores da
miña época infantil, púxenme a ler “El bosque en llamas”, de Curwood, tamén
ambientada no norte do Canadá, e a experiencia foi decepcionante, ata o punto
de me custar moito non deixar de lado a novela cando levaba arredor dunhas
trinta páxinas lidas.
Esta experiencia faime pensar que
non deberiamos ser tan tallantes en deostar lecturas e autores considerados de
calidade inferior, porque a súa obra, por moi de nulo interese que agora nos
pareza a algúns, puido ter cumprido noutra época o papel de servir como
introdutora ó coñecemento doutras lecturas importantes para a formación da
persoa adulta. E aínda que así non fose, serviron para alegrar as horas
perdidas de moitos rapaces na época en que empezabamos a abrir os ollos á vida,
o cal tamén ten a súa importancia.
Por
certo, neste libro de Javier Reverte atopei unha información curiosa sobre a
vila de Skagway, en Alaska, de tan só mil habitantes, pero centro de parada de
cruceiros de turismo que aportan á localidade unha gran afluencia de visitantes
nos meses de verao. Segundo conta Reverte, na rúa principal de Skagway,
Broadway Street, encóntrase o “The Red Onion”, un antigo prostíbulo,
reconvertido en museo. «Non creo que exista noutro lugar do mundo», di o autor,
«un burdel que se explote como un museo para o turismo ansioso de sorpresas».
A
información fíxome lembrar que en xaneiro deste mesmo ano saquei aquí un par de
colaboracións nas que falaba de museos curiosos e daba a relación dunha
importante cantidade deles visitada polo escritor turco Orhan Pamuk. Pero algo
tan sorprendente coma o “The Red Onion”
de Skagway dubido moito que poida ser superado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario