mércores, 10 de novembro de 2021

OS DURMINTES DE ÉFESO

Por Pepe de Rocaforte

 

         

Hai xa tempo que, cando me poño mans á obra nesta páxina, o tema case sempre versa sobre viaxes ou sobre libros. Nesta ocasión non sei ben como me empezou a rondar a cabeza o asunto; poida que se debese á recente disertación de Francisco Vidal nos locais de “Portas Ártabras”, na Coruña, onde nos falou da perduración de crenzas e celebracións pagás, adaptadas e reproducidas polas relixións posteriores.

Ou quizais puido ser tamén por causa da lectura da “Enciclopedia dos Mortos”, de Danilo Kîs, que me trouxo o recordo da lenda dos Sete Durmintes de Éfeso cun detalle que eu agora non lembraba. Refírome ó sucedido cos corpos dos Durmintes ó seren descubertos aínda vivos douscentos trinta (ou, segundo outras versións, trescentos nove) anos despois do seu encerramento.

Así e todo, ese non era o único misterio desta lenda. Danilo Kis conta ademais que non hai acordo sobre o número dos Durmintes. Uns din que eran catro, e cinco contando co seu can. A outros parécelle que eran cinco, e seis contando co can. E finalmente están os que aseguran seren sete, ou oito se se inclúe o can. Pero o caso é que a pouco de despertaren morreron todos, fosen catro, cinco ou sete os Durmintes, aínda que a un, antes de morrer, deulle tempo de se achegar a Éfeso a mercar alimentos para el e os seus compañeiros e de paso, ignorante do tempo traanscorrido desde o inicio da súa autorreclusión, flipar coa visión dos inesperados cambios producidos na cidade desde que el e os seus colegas se ocultaran no pozo onde permaneceran aquela porrada de anos, cando os homes do emperador Decio andaban á súa busca, ó localizaren o refuxio cerraron con grandes pedras a súa entrada para deixalos morrer de inanición. Un suceso que, cun final  un pouco diferente, nos lembra a historia de san Ero de Armenteira e o canto da paxariña.

 Pero aínda hai outro dato que a min me chamou particularmente a atención: Mortos os Durmintes, fose cal fose o seu número, os corpos de todos eles foron embarcados en Éfeso con destino a Marsella ¡nun barco de pedra!, barco que seica aínda pode ser admirado hoxe na abadía de Saint-Victor. Se lembramos que o apóstolo Santiago tamén despois de morto foi enviado a Padrón nunha embarcación pétrea, o primeiro que se me ocorre é que tal vez daquela a construcción de barcos de madeira acadaba uns precios excesivos para o peto duns humildes discípulos de Cristo de antes da oficialización do cristianismo.


E outra curiosa información: contan algúns que o título desta historia seica foi tomado do Corán, onde na décimo oitava sura, que leva o epígrafe de “A Caverna”, se narra a historia da Cova dos Sete Durmintes, situándoa na aldea de Al-Raquim, preto de Ammán, en Xordania. Nesa gruta, de par da cal se erguen hoxe dúas mesquitas, unha a cada lado, como facéndolle garda, seica hai sete sarcófagos bizantinos nos cales se conservan os restos dos Sete Durmintes.

Pero non é esta a única localidade que se atribúe ser o verdadeiro lugar de repouso daqueles presuntos mártires. Hai varias, que non  vou citar por me parecer máis estraña a información que tomo da “Enciclopedia dos Mortos”, de Danilo Kis, segundo a cal os restos dos Durmintes foron levados a Marsella. Cousa que me semella un tanto sorprendente porque en ningún dos sitios nos que remirei á busca de datos sobre a Abadía de Saint-Victor, atopei a máis mínima alusión a tal localización.

Cando atope mellor información volverei sobre o tema.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario