Por Pepe de Rocaforte
Unha pequena controversia lingüística (e vaia por diante que non son lingüista nin moito menos) levoume a lle botar unha ollada ó libro de relatos, Os Grão-Capitães, de Jorge de Sena, onde hai máis de corenta anos marcara unha frase no conto Homenagem ao papagaio verde: “O papagaio saltava do trapézio balouçante para a vassoura que eu atravessava na frente”, frase que daquela me levou a consultar no dicionario da lingua portuguesa, primeiro “frente”: “Parte anterior; dianteira; vanguarda; fachada”... E logo “fronte”: “testa, frente, rosto”, para me preguntar por que en galego non está admitida a palabra “frente”, cun significado complementario, pero distinto do de “fronte”. Unha de tantas para min incomprensibles normativizacións perpetradas co noso idioma.
Pero deixemos de lado algo de tan escasa importancia. A relectura de Homenagem ao papagaio verde, por unha desas reviravoltas do pensamento, fíxome acordar de outro conto, El loro disecado, do libro de Rafael Dieste Historias e invenciones de Félix Muriel. Lembraba ese relato como un dos mellores (para min) publicados en castelán no século XX. E eso sen esquecer todos os contos de Julio Cortázar, poño por caso.
En O loro disecado atraérame particularmente a utilización da elipse nun relato que, por outra parte e en mans dun escritor, non vou dicir torpe, senón pouco coidadoso, sería unha de tantas historias repetidas, sen moito maior interese.
Pero xa falando de elipses aproveito de ter entre mans as Historias e invenciones de Félix Muriel para me achegar a outro dos seus contos, o último do libro, La asegurada, outro bo relato que se ve prexudicado pola súa primeira parte, á que lle fai perder moito unha serie de disquisicións alargadas cun exceso de sutilezas, ó meu parecer innecesarias. Se o autor tivese reducido as primeiras quince páxinas do conto, deixando case unicamente as oito derradeiras, teriamos outra boa historia, da que se me acaba de meter na cabeza o parentesco co relato de Castelao que empeza: “Aínda eu era médico rural”, que pola súa brevidade vou reproducir, a pesar de ser amplamente coñecido, pero é unha regalía á que sempre apetece volver:
Aínda eu era médico rural e rubía por un camiño da serra. Os casales estaban lonxe, os alboredos tamén e por alí non había máis que toxos e pedras.
No curuto avistei a figura dunha muller que me chamaba coa man, e o petrucio que camiñaba de par do meu cabalo contoume:
-¡Malpocadiña! Chámanlle a tola do monte. Era unha rapaza ben asisada e bonita coma un sol e din que foi unha meiga quen a enfeitizou e dispois de perder o xuicio tívolle un fillo e contan que foi do demo...
Por riba da tola do monte voaba un miñato.
Aquí non é preciso pararse a falar de elipses, só comentar a coincidencia da personaxe protagonista, a mesma en cada unha das narracións, que sen dúbida foi unha muller real e ben coñecida na bisbarra nativa de Dieste e Castelao, os cales utilizaron uns procedementos moi distintos á hora de argallar o tratamento da historia. Castelao deixa nas nosas mans o desenvolvemento da información que nos ofrece. Dieste, sobre a personaxe real, inventa outra historia,. Só se necesita lela.
O cal me leva, por outra parte, a admirarme unha vez máis da floración de grandes escritores que se deu en Rianxo, unha vila tan pequena, naquel primeiro terzo do século XX. Porque coetáneo e coterráneo deles os dous, non o esquezamos, foi tamén Manuel Antonio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario