mércores, 24 de novembro de 2021

O GRUPO POÉTICO AMANECER


Por Pepe de Rocaforte

 

Botándolle unha ollada ó libro de Xosé Manuel del Caño, “Conversas con Manuel María”, atopeime cuns versos que conteñen algunha variante con respecto a como eu os conservo na memoria. Tampouco o meu recordo se corresponde exactamente co orixinal que hai anos lle teño oído a Jaime Vaello, Manuel Álvarez Torneiro ou Rogelio San Luís, tres compoñentes do Grupo Poético Amanecer cos cales mantiven amizade; pero a falta da cuarteta orixinal, reproducireina como a recordo eu:

 

           Cuando en medio de la grey

            veais a este colega vuestro,

            llamadme “el amigo Rey”,

            no me llameis “Maestro”.

Deste “Maestro Rey” case carezo de datos, a excepción destes versos. Creo que, ademais de poeta, era callista, con clínica ou consultorio na Rúa Real da Coruña, pero non estou moi seguro.

Do “Grupo Poético Amanecer” non é doado atopar información en internet, nin en case ningún outro sitio, e eso levoume a pensar que non estaría de máis buscar algún dos seus antigos compoñentes disposto a redactar polo menos unhas liñas sobre aquela xente que practicou unha activididade literaria na Coruña dos anos cincuenta do pasado século.

Falei algunha vez do asunto con Manolo Álvarez Torneiro, pero el sempre se desentendía. ¡Boh, boh, boh!, eso non ten interese ningún, dicíame cun arrandeo de man sobre a cabeza como para afastar un moscardo impertinente. Ó día de hoxe dáme a impresión de que da mocidade que desenvolveu as súas actividades artísticas naquel tempo e lugar só queda Rogelio San Luís Ramos, o dramaturgo do grupo, e a este xa hai tempo que lle perdín a pista. ¡Unha mágoa!

Amanecer” formouse en 1953 e disolvéuse en 1960. Entre os seus compoñentes iniciais habería que contar a Pantaleón Bada Gómez, tamén coñecido como Pantaleón de Escalante (Escalante polo nome da súa localidade natal, non lonxe de Santoña, en Cantabria). Este poeta, autor do libro “Poemas del buen salvajez”, que non se publicaría ata 1976, rematada a guerra incivil alistouse na División Azul e á volta da súa aventura no norte de Europa instalouse na Coruña, onde foi programadar de Radio Juventud, emisora na cal realizou un programa cultural polo cal pasarían boa parte dos mozos compoñentes do Grupo Amanecer.

Entre estes compoñentes iniciais contábanse Alfonso Gallego Vila, poeta e pintor, que traballaba como camareiro no “Cantón Bar”, onde daquela paraban a tertuliar algúns dos máis conspicuos intelectuais da cidade e hoxe un local máis do grupo Inditex, na praza de Mina.

Estaban tamén os poetas Álvarez Torneiro e Avilés de Taramancos, que hoxe non necesitan presentación por seren sen dúbida os autores de maior altura literaria que pasaron por aquel grupo. Outros nomes son os de José Luís López Mosteiro, Pepe Guillén, Jaime Vaello... E non sei se incluír a Francisco Xavier de la Colina Unda. El definíase como “anarco-individualista”, (o ex-presidente da Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro cualificouno, ó parecer, como fascista), pero se non pertencía ó grupo, o certo é que mantiña unha boa relación cos seus compoñentes. Entre os libros por el publicados cóntanse “Turris Ebúrnea o la reina del papagayo”, “Cuestiones retrospectivas” e “Poemas del golf o cómo pasar el tiempo”, libro que seica lle fixo gañar a xenreira de moitos eximios coruñeses daquel tempo, que lle retiraron o saúdo por se veren retrados nos seus versos dun xeito, segundo a súa opinión, sumamente vexatorios para as súas persoas.

Chegado a este punto decátome de que aínda me queda algunha tea por cortar en relación cos compoñentes do Grupo Poético Amanecer, pero como eso me faría alargar excesivamente a colaboración de hoxe, vou deixar para a semana próxima a continuación destes pequenos apuntes.

Ata entón páseo vostede ben.

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario