Un barco viquingo non estaba preparado para navegar mentres non lle cravaban un par de moedas na quilla, coa esperanza de que, se naufragaban, sempre sabían de onde botar man para sacar unhas moediñas coas que subornar á deusa Ran cando, coa súa rede, viñese recoller ós afogados para levalos ós seus dominios, ó reino da néboa permanente, unha especie de inferno que nada tiña que ver co ansiado Valhalla, a morada dos deuses bos e dos benaventurados.
Esas moedas dos viquingos teñen moito que ver co costume grego de amortallar ós finados con cadansúa moeda sobre os ollos, para ter con que pagarlle ó barqueiro da lagoa Estixia, que os levase ó mundo dos mortos, pois de non facelo ficaban importunando ós vivos á espera de que un parente ou veciño pagase a peaxe necesaria para liberalos dun eterno vagar; como tantas ánimas penitentes de quen nos falaban os nosos avós, reclamando misas ou a corrección de erros nalgún testamento.
Para quen cre nunha segunda vida tras a morte, o camiño para chegar ó Máis Aló non é doado. O finado é como un cego nunha corredoira con múltiples ramais que obrigan a tomar un guía, alguén que o acompañe ata as portas onde san Miguel ten instalada a balanza do xuízo, como antes a tiña o exipcio Anubis, a fin de sinalar o camiño do ceo ou do inferno, segundo o fel indique. E se os gregos tiñan a Hermes e os romanos a Cástor e Pólux, para levalos da man ata o embarcadoiro de Caronte, nós temos á Virxe do Carme e a san Francisco, a quen xa en vida lle imos pagando o noso tributo para un bo rescate das chamas do purgatorio, santos que presiden moitos petos de ánimas que se espallan polos camiños do país, unha botando como cabo de auxilio o seu escapulario e o outro o cordón do seu hábito, como se ve no fermoso peto de Taragoña. E non debemos confundir estes petos cos esmoleiros, que aínda que semellantes na forma só son pequenos altares dedicados ás divindades protectoras dos aconteceres da vida neste Máis Acó, co fin de recadar esmolas para a súa veneración a troco de outorgar saúde e sorte. Os petos de ánimas imploran para favorecer un bo transo tras a morte como xa facían os etruscos e logo os romanos coas súas capeliñas a Mania, tamén nos camiños, deusa da morte e nai dos espíritos nocturnos, a quen o cabeza de familia invocaba con certos rituais que había que facer á media noite durante as festas Compitais, que acostumaban a celebrar cando o inverno xa se fai dono do tempo e os seus temidos efectos poñen en perigo as vidas, ofrecéndolle bonequiños de la coa esperanza de que esta deusa se dea por satisfeita e non reclame como compaña a ningún membro da familia. Rituais nos que tamén se pretendía espantar ós mesmos finados para que non viñesen a importunar ós vivos como unha Santa Compaña de malvados penitentes.
Pero, por moi bos guías que teñamos para cruzar as fronteiras do Alén, con todas as promesas de paraísos onde paspar eternamente, todos queremos seguir neste incerto e inseguro Máis Acó cargando co que nos boten e contrapoñendo esmoleiros para que outras divindades nos permitan gozar de boa saúde, canto máis tempo mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario