O heroísmo vén sendo facer o que os demais non son quen, pero, ¿que é un heroe? Para uns foino o lexionario Martín, entrando no campamento inimigo con unha simple cruz erguida e obrigando a todos a axeonllarse sen que os vencedores os pasasen a coitelo, e para outros éo non sei que xogador capaz de marcar un golazo desde o medio do campo no último minuto. Os deportistas cólganse a medalla do heroísmo como na antigüidade a colgaban os combatentes de Troia, amosándonos en moitas das facetas daquela contenda ós guerreiros como se fosen atletas competindo por unha copa tras demostrar a súa arrogancia e capacidade de superación.
No famoso duelo entre Aquiles e Héctor, tan valente era un como o outro, a pesares de que o primeiro xogaba coa vantaxe de terse bañado na lagoa Estixia, para ser case invulnerable. Así, a literatura está chea de heroes fantásticos e a historia de personaxes que reciben ese título a imaxe e semellanza dos literarios por facer algunha fazaña que os demais non se atrevían. Pero a diferencia dos literarios, dos heroes de guerra sempre se dixo que moitos eran simples covardes que fuxían en dirección contraria e unhas veces saíalles ben e outras non.
O cristianismo, promovendo a súa mensaxe pacifista dos primeiros anos, cando aínda non estaba adscrito ó poder, trocou ese título polo de santo para os seus máis denodados e valorosos afiliados, capaces de facer o imposible, xeralmente amparados por algunha autoproclamada forza sobrenatural, capacidade de visión, de adiviños ou de imaxinación, e para exemplo temos todas esas haxiografías que nos falan da teimosía daquel que prefire soportar os máis terribles martirios antes de recapacitar e recoñecer que ser boa persoa non é ser teimudo nin integrista, ou que non é necesario ser tan maleducado como para cuspirlle á cara ó mesmísimo emperador de Roma cando a humildade é o mandato fundamental da súa fe. Igual que os heroes clásicos, polo xeral fillos dalgún deus ou protexidos del, os santos tamén tiñan un suposto poder sobrenatural para converterse en mediadores coa divindade. Logo viñeron os cabaleiros andantes, sempre á procura de duelos e desafíos para sementar no mundo a chama da esperanza, precisamente nunha época na que os cabaleiros de carne e óso, os de verdade, máis que endereitar os torcidos camiños do mundo aínda os retorcían, e antes de liberar doncelas violábanas. Con eles, a literatura volveu de novo a sementar un pouco de esperanza no escuro mundo medieval.
E ó final apareceron os cómics para convencernos de que nalgún sitio hai sempre un ser máxico que vela por nós. Chegaron retomando o testemuño dos heroes clásicos, con roupas máis futuristas pero cos mesmos atributos, outorgándolle valor, lealdade e, sobre todo, algún poder extraordinario que os protexe e fai invulnerables. Sempre a imaxe e semellanza dos mitos greco-latinos, aparecen a forza de Hércules en Hulk, Supermán voa e é guapo e amable como Eros, as sandalias e o gorro alado de Mercurio son os atributos de Flash e Hipólita, a raíña das amazonas, cedeulle os seus atributos máxicos a Wonderwoman. E películas como “A guerra das galaxias” non son máis ca novas maneiras de reinterpretar a Ilíada e a Odisea, e os seus personaxes xa son hoxe en día tan clásicos como Ulises e Telémaco.