sábado, 19 de febreiro de 2022

Mexillóns para o futuro

Contábanos Xulio que os mexillóns mataron a fame de moita xente nos anos de escaseza, e fálanos dun vello da familia que lle pedía ós fillos ir na procura dun canastro deles para adubar as verduras. Tamén nos lembra que cando un veciño quixo facer un pozo apareceu un estrato formado por cunchas de vieira, segundo el porque antigamente o mar chegaba ata onde el ten agora a casa. Moitos anos máis tarde, outro veciño que vive nunha das zonas altas da parroquia, contábanos da sorpresa que levaron cando estaban facendo os cimentos dun garaxe e tamén apareceron moitas cunchas, segundo este porque antigamente a xente comía o marisco como hoxe se comen as patacas, e as vieiras, por exemplo, eran tan abundantes que se exportaban a Santiago, onde a curia comía o molusco e vendíalle as cunchas ós peregrinos como se fose un salvoconduto.

Xulio, facendo unha especie de comparación cos cuncheiros dos castros non dubida en asegurar que os moluscos, agora tan caros, eran o prato noso de cada día, que ademais de ser un bo alimento era algo doado de conseguir sen ter que arriscar a vida na caza, expostos á furia dun animal acosado, ferido e acurralado, ou agardando varios meses para ver como medraban os nabos ou o centeo.

E debían selo, segundo o amigo Xulio nos afirma que se asegura nunha recente publicación, onde se preguntan se salvarán de novo os mexillóns á humanidade, se volverán a ser os moluscos, unha vez máis, fonte de enerxía e riqueza das despensas, como xa o foron hai uns douscentos mil anos, cando a terra sufriu unha intensa glaciación que obrigou ás distintas poboacións a emigrar cara terras máis cálidas, e fíxoo seguindo a liña costeira de África, segundo se desprende dos diversos cuncheiros indicativos de que a dieta daqueles antepasados de todos nós estaba constituída, nunha maior parte, polo consumo de moluscos, porque ademais de serlles doados de apañar, aportábanlle a enerxía e os ácidos graxos necesarios para que, entre outras cousas, contribuísen á evolución do cerebro, o órgano que máis enerxía consume de todo o corpo humano.

Segundo se nos explica nese artigo, os moluscos, e os mexillóns en particular, tamén poden ser a clave para alimentar no futuro ás once mil millóns de bocas que poboarán a Terra dentro de trinta anos, por dúas razóns fundamentais: son ricos en proteínas e o seu cultivo non require grandes inversión tecnolóxicas derivadas do uso da auga ou da mecanización. Por dicilo dunha maneira máis concisa, as bateas producen moito menos dióxido de carbono ca un galiñeiro e non necesitan maiores coidados ca, por exemplo, un rabaño de ovellas.

E claro que non imos comer só mexillóns, pero aí está unha fonte de proteínas da que nós somos punteiros.

Tamén se di no devandito artigo que as bateas producen un menor impacto medioambiental, e niso creo que moitos dos nosos veciños han de manifestar as súas dúbidas, pois os restos de cunchas que hai debaixo das bateas non deixan de ser unha capa de escombro que impide o crecemento de algas e outros elementos fundamentais para a formación do necesario fitoplancto de que se alimentan.

Como dicían naquela película de Billy Wilder, nada é perfecto, pero neste caso, para algo se inventaron as dragas.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


Ningún comentario:

Publicar un comentario