mércores, 9 de febreiro de 2022

LADY HESTER STANHOPE


Por Pepe de Rocaforte


Volvo unha vez máis cunha vella coñecida miña: Lady Hester Stanhope, de quen me ocupei aquí xa hai tempo, e a quen regreso hoxe estimulado por un amigo con quen estes días conversei desa curiosa muller, segundo Lytton Strachey ou James C. Simmons unha femia de armas tomar, bastante diferente de como a pintan os escritores de por aquí. Por exemplo Simmons descríbea así: «Era teimuda, orgullosa e dominante. Tiña unha ilimitada confianza en si mesma, unha voz rexa e profunda, e estaba segura de ter nacido para mandar. Era alta e forte, cunha estatura de 1,83 metros». (o meu amigo dime que tanta precisión na medida parécelle debida ó converter o tradutor os “pes” ingleses ós nosos metros).

Un coñecido de lady Hester conta que «nunca fora fermosa, a súa cara era alongada, grosa pola parte inferior e moi pálida, parecíase moito a seu tío William Pitt». Ela mesma recoñecía que nunca fora atractiva. Era, en cambio, valente, enxeñosa, cunha intelixencia superior á da maior parte dos homes da súa contorna. O cal levou a outro amigo de seu tío a comentar que supoñía que só se podería casar se encontraba un home tan intelixente coma ela, ó cal respondeu Pitt: “Daquela non casará nunca”.

  Tamén William Pitt lle dixo noutra ocasión: «Se foses home enviaríate ó continente con 60.000 soldados e daríache carta branca. Seguro que non fallaría ningún dos meus plans». Á vista do cal pregúntome que sucedería se, en vez de ser John Moore quen mandaba as forzas inglesas na batalla de Elviña, fose Hester Stanhope. Ó mellor era outro o resultado.

 Aquí en Galicia, tanto Leandro Carre, como Álvaro Cunqueiro ou José María Castroviejo, con mención especial para don Manuel Murguía, tal vez quen primeiro mencionou entre nós o nome desta muller, segundo me di Francisco Vidal, describírona dun modo máis poético. Por exemplo Carré conta que a mañá do 16 de Xaneiro de 1840 (ollo ó dato) apareceu a Coruña envolta nunha espesa brétema. Ó se abrir as portas do xardín de San Carlos, unha muller enloitada, duns cincuenta anos, entrou e achegouse ó monumento baixo o cal disque está enterrado o xeneral sir John Moore. A descoñecida axeonllouse ó pé do sepulcro e bicou a terra húmida. Pouco despois ergueuse e abandonou o xardín. A partir de entón, e durante algúns anos, todos os dez e seis de Xaneiro chegaba aquela misteriosa dama á mesma hora; axeonllábase ó pé da tumba e logo íase, soa e tristeira. Tratábase sen dúbida da namorada de Moore, morta (atención de novo ó dato) en 1839 en Siria, onde foi coñecida como “a raíña dos árabes”.

Álvaro Cunqueiro describe o rostro desa muller, cun atractivo, fino nariz, que ó respirar a fermosa bate as ás, flor de dúas pálidas pétalas xemelgas. E seguindo cos arrebatos líricos, José María Castroviejo pinta a “infinita e íntima melancolía do xardín de San Carlos”, onde  Lady Stanhope, «salouca sobre o peito xeado de sir John Moore contra o cal se apertou nun convulsivo adeus, antes de ir enterrar nos desertos o seu amor desesperado e romántico».

    
      
En realidade Moore morreu en brazos de James Stanhope, irmán de Lady Hester, de quen se despediu con estas palabras: “Stanhope, dálle recordos á túa irmá”, mentres outro irmán dela, Charles, morría aquel mesmo día na mesma batalla de Elviña, para non deixar irse só ó outro mundo a Moore, cuxa morte destruía os plans de Lady Hester, sobriña do primeiro ministro William Pitt, homosexual inconfeso, de quen ela, presunta lesbiana, actuaba como secretaria (os plans de Hester Stanhope seica consistían, despois da morte de Pitt en 1806, en conseguir o nomeamento de primeiro ministro para Moore e actuar ela como primeira ministra na sombra). Ó resultar irrealizable este proxecto, Lady Hester acompañou en 1810 ó seu irmán James a Xibraltar, a incorporarse ó seu rexemento, e de ali viaxou en solitario a Malta, onde coñeceu un mozo, Michael Bruce, once anos máis novo que ela, fillo dun rico home de negocios escocés. O mozo converteuse axiña no seu amante, co cal lle levantou a paletilla, un tanto de capa caída despois da morte de Moore. Todo dun modo moi lírico e poético de sobrevivir, como se pode ver.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario