xoves, 24 de febreiro de 2022

ESCRITORES E CORPORATIVISMO

Por Pepe de Rocaforte

 


O corporativismo, esa defensa cerrada dos compañeiros de profesión, sobre todo cando a profesión goza dun recoñecemento e aceptación social por riba da media (e, como exemplo, o primeiro que me vén á cabeza é o da clase médica) é cousa maiormente habitual.

Salvo nalgún caso que, se ben o miramos, non deixa de ser curioso. Refírome á aceptación que pode ter o gremio dos escritores, que a xulgar polas expresións frecuentemente referidas a eles, non gozan dunha particular estima popular, ou se algunha hai non é certamente moi alta. Abonda con lle dar un pequeno repaso á fala do común para atopar algún dito do tipo de, por exemplo, "Fulano é un contista”, ou a similar “Perengano ten moito conto", ou "Fulanita é unha moza moi novelera". Ou, se atravesamos ó outro lado do Atlántico, encontrarnos con que "Zutano ten moito verso".

Pero entre os propios escritores tampouco é o máis habitual a defensa por parte dos colegas. Para mostra paréceme que abonda con citar unha frase que lin xa hai tempo nun artigo xornalístico, no cal un escritor galego aseguraba que "se o mundo estivese cheo de escritores sería unha negra cova de ladróns". Así mesmo, sen lle quitar nin lle aumentar unha coma.

Pero hai máis. En España podemos citar a don Juan Benet, escritor faulkneriano, ademais de enxeñeiro de camiños (e embalses), quen dixo que mentres existan persoas como Solzhenitsyn, os campos de concentración subsistirán e deben subsistir. "Quizais deberían estar un pouco mellor gardados, a fin de que persoas coma Solzhenitsyn non puidesen saír. Nada máis hixiénico que o feito de que as autoridades soviéticas -cuxos gustos e criterios sobre os escritores rusos subversivos comparto a miúdo- busquen a maneira de se librar de semellante peste”. (Tomo esta cita benetiana da wikipedia).

E da wikipedia tamén tomo a opinión deste autor a quen Dostoievski lle parecía un tipo inferior, unha larva como escritor.

E aínda hai máis autores exemplares. Nun vello libro libro de lecturas escolares "LAS TARDES DE LA GRANJA - LECCIONES DE UN PADRE A SUS HIJOS", cóntasenos a historia dun fulano ruín, o poeta Hilario, un langrán que se dedicaba a escribir versos en vez de facer cousas de proveito, polo cal, dada a súa perversa inclinación, acababa moi mal, naturalmente.

E para cerrar a galería, reservei a don Knut Hansum (¡que mágoa!), quen en "Terra Nova" fai unha desapiadada descrición do mundiño dos intelectuais do seu país, das súas tertulias pedantes e cheas de envexas mutuas, a súa vagancia e as súas ruindades sen grandeza, frente o mundo san, bo, nobre e traballador dos comerciantes e industriais.

¿Como vos queda agora o corpo, amigos escritores?

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario