mércores, 16 de novembro de 2022

ONDE NASCEU PORTUGAL


Por Pepe de Rocaforte

 


            A primeira vez que me aproximei a Guimarães foi un día que desde o Bom Jesus do Monte de Braga, aproveitando a súa proximidade (cousa duns dezaoito quilómetros) despraceime para ver as Pedras Formosas da citania de Briteiros, onde pasei unha boa tarde de conversa cun garda do recinto que nos animou, sobre todo ós meus fillos, para ir ver as estatuas dos guerreiros galaicos expostas no museo Martins Sarmento de Guimarães, tan só uns doce quilómetros ó sur.

            Aquela tarde cadrábanos mal e deixámolo para unha mellor ocasión, que aínda tardou bastante tempo en se producir. Non o teño moi claro na memoria, pero paréceme que foi dunha vez que subiamos do Porto para Galicia e acordamos dar un pequeno rodeo para coñecer a vila e ver os guerreiros.

A eso das seis da tarde estabamos en Guimarães; pero cando, despois de aparcar o coche onde mellor puidemos, chegamos ó museo, estaban xusto a pechar a porta. Eran as sete da tarde e o empregado que acababa de dar as derradeiras voltas de chave díxonos que sentíndoo moito non nos podía deixar entrar, que volvésemos ó día seguinte pola mañá, non podía facer outra cousa.

            Choreille un pouco: que eramos galegos e tiñamos que viaxar ata a Coruña (ademais era verdade) e non sabiamos cando poderiamos ter unha nova ocasión de volver por alí e, en fin, o home acabou por nos abrir a porta e pediunos, eso si, que por favor non botásemos máis dunha hora na visita.

            O rápido percorrido, guiados por aquel amable funcionario, foi algo que fixo nacer en nós o amor á fermosa vila “onde nasceu Portugal”, da que me volvín lembrar a semana pasada, cando unha neta foi alá a participar nunha competición deportiva e me trouxo á memoria unha reste de recordos vimaranenses, entre os cales á parte dos repousados paseos polas rúas e prazas do centro da vila, lembro con especial saudade a visita ó castelo no alto do Monte Largo e ó palacio dos Duques de Braganza, que recorremos cunha guía desas que ademais de che ofrecer os pertinentes datos históricos, tamén teñen unha serie de anécdotas con que adobiar a súa charla intercalando algún que outro dato divertido que axudará a gardar durante máis tempo as túas lembranzas.

            Algunha das cousas que incrementaron daquela os meus escasos coñecementos lusitanos aínda non se me esvaeron hoxe da memoria. Por exemplo a figura de Afonso Henriques, quen no século XII se convertera no primeiro rei de Portugal, reino ó que, varios séculos máis tarde, o monarca hispano Felipe II sometería ó dominio español durante sesenta anos, ó cabo dos cales, Joao IV, descendente directo deste primeiro rei, recuperaría definitivamente, en 1640, para Portugal.


            E aquí vén o detalle ó cal quería chegar: a filla de João IV, Catarina de Bragança, quen casara co rei Carlos II de Inglaterra, foi quen impuxo na corte británica o hoxe habitual té das cinco da tarde, o five o’clock tea, segundo anécdota non excesivamente documentada que nos referiu a nosa guía na visita ó palacio dos Duques de Bragança en Guimarães. E disque esta propia Catarina se ocupou tamén de introducir na corte o uso do  garfo para as comidas. Vaia vostede saber.

            O que si debeu ser verdade é que, a cantas novas amantes tiña Carlos II, que nese aspecto non era manco e poderíalle dar leccións ó noso actual rei emérito, máis namorada del estaba Catarina; pero segundo se comentaba, nese aspecto tiña ben pouco que facer, porque seica era máis ben escasamente agraciada de físico, aínda que polos retratos seus que por aí circulan, se non unha beleza despampanante, tampouco parecía carecer de certo atractivo, aínda que frente a Lady Castlemaine ou calquera outra das sucesivas amantes do monarca moi pouca chance debía ter a raíña portuguesa. Tal vez sería necesario botarlle unha ollada ás memorias de Samuel Pepys a ver se conta algún chisme sobre o desenvolvemento das relacións na familia real; pero eso paréceme hoxe un traballo excesivamente arduo para min.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario