sábado, 12 de novembro de 2022

Natalicios

Nun entorno tan desastroso como a situación de Ucrania, onde a morte, a reclusión e o refuxio son o pan de cada día, o ministro de exteriores, Dmytró Kuleba, durante unha entrevista na radio, tivo o bo humor de referirse á falta de electricidade que lles agarda neste inverno para recomendar que as parellas non perdan o tempo e aproveiten para procrear. Tamén se dicía, cando foi da pandemia, que ós nove meses da mesma ían incrementarse os nacementos e as salas de maternidade non darían abasto, pero as parellas encerradas durante aqueles meses da primavera esa que o sangue altera, non se afanaron moito na procreación, aínda que sen dúbida non lles faltou o amor nas súas vidas de encerro e meditación.

Esta falta de natalicios que nos toca vivir e contemplar é un problema de futuro, unha bomba de retardo que nos empeza a meter medo ós máis vellos, a ver quen nos vai pagar as pensións se non temos repostos xeracionais, e por se fose pouco esta semana pasada anúnciannos a toda páxina que na Barbanza hai máis mascotas ca nenos. Mascotas, que non gando ou galiñas.

 Sen nenos non hai futuro. Nos anos sesenta do pasado século dicíase que ter fillos gratificábase con non sei que clase de puntos, e de feito, os que nacemos a cabalo entre os cincuenta e os sesenta somos multitude. Tamén agora se promoven axudas á natalidade, con rebaixas en farmacias e tendas de produtos para a infancia. Pero non son suficientes e a xente non se anima. No meu barrio hai unha panadería que anuncia co cartel dun neno agarrando unha barra de pan: “O pan tráioo eu”, co que se entende que a cada parella que teña un crío van regalarlle unha barra durante o seu primeiro ano de vida. Pero nin con esas. As parellas botan contas e sáelles máis barato mercar un molete e de paso tamén o penso para a mascota. Onde antes levabas ó neno ó parque, agora levas ó can, e eu xa vin pasear a un gato con correa.

Se o miramos cos datos fríos do egoísmo e da economía, un crío é un gasto hoxe pero tamén un seguro para a nosa vellez, mentres que unha mascota, por moita compañía que nos faga non é máis ca unha anécdota na nosa vida, máxime tendo en conta que só nos vai acompañar quince ou vinte anos nos que temos que limpalos, alimentalos e sacalos a pasear, cando un crío ós cinco anos xa se lava só e come pola súa man. Cos cativos sempre podes contar un conto, botar unhas risas e saber que lles doe, mentres que a mascota non sabe dicir se ten dor de cabeza ou de estómago, se está enfadada contigo ou se che vai trabar ou rabuñar. 

Que haxa máis mascotas ca crianzas é un titular que mete medo, pero se a ese lle engadimos que só na Barbanza o número supera en vinte mil animais de compañía ó de nenos menores de doce anos, onde cada día abren consulta máis veterinarios mentres diminúe o número de pediatras nos centros de saúde, os que estamos en idade de ser avós miramos con envexa á gata do veciño porque acaba de parir cinco gatiños.

                                                                        Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario