mércores, 23 de novembro de 2022

LECTURAS E AMIGOS ESCRITORES

 Por Pepe de Rocaforte


Onte pola mañá chamoume por teléfono un amigo para me dicir que acababa de escoitar na radio que estaba de visita nA Coruña un coñecido escritor a quen admiro e con quen teño certa amistade. Eu sabía que acababa de publicar unha novela e supuxen que a viña presentar. Así e todo estrañoume que non me avisase da súa vinda para vernos e conversar un pouco, pero este amigo ten algunhas manías, como a de case non utilizar o teléfono, así que o que fixen foi baixar ó hotel Riazor, onde el tiña parado algunhas veces e preguntarse estaba aloxado alí. Un recepcionista díxome que non, pero a expresión que observei na súa cara fíxome sospeitar que non me dicía a verdade. Como naqueles momentos o home non estaba moi ocupado, tratei de iniciar unha conversa con el e, dunhas noutras, acabou por me confesar que, efectivamente, o escritor estaba aloxado alí, pero dera instrucións para que non o molestase ninguén. Polo tanto, e por razóns obvias, non me ía facilitar o número do seu cuarto. Ademais, naqueles momentos non se encontraba no hotel, acababa de saír cousa de dez minutos antes de eu entrar. “¿E veu vostede que dirección collía?”, pregunteille. “Estivo falando un pouco comigo e díxome que ía dar unha volta polo parque de Santa Margarita, a estirar as pernas e respirar un pouco de aire fresco”. Non precisaba máis. Deille as gracias ó recepcionista e saín en dirección ó parque, onde axiña o localicei entre as arcadas do planetario, observando o panorama.

Desde cousa duns cen metros máis abaixo fíxenlle uns acenos de saúdo co brazo, pero ou non me veu ou fixo que non me vía, que me parece o máis probable, aínda que para min algo incomprensible. O que fixo a seguido foi ganar a volta e a paso un tanto apurado dirixirse á saída pola Ronda de Outeiro.

Xa fóra do parque non o albisquei por ningures. ¿Ai si? ¿De xeito que non me queres ver? Pois vaite por aí con vento fresco, que o que é eu, xa podes deixar de contar comigo para nada. E de ir á presentación da túa novela rien de rien. E de facer unha reseña dela, xa podes esperar sentado.

Chegado a este punto, decátome de que levo un camiño equivocado. Será mellor cambiar de leria e confesar que canto acabo de referir non sucedeu, como xa vostede se daría conta. Trátase dun soño que tiven esta noite, pero de entrada pensei que sería mellor non contalo así, porque o relato dun soño é algo como para tirar de costas ó máis pintado.

O que pasa é que, cando esta mañá despertei, tiña o soño aínda moi recente a me dar voltas na cabeza e púxenme a pensar que suceso do día anterior podería ser o causante deste recordo dun amigo, por outra parte morto hai xa sete anos. Pero o que debeu influír en min debeu ser a lectura dun libro no cal se reuniron dezaseis contos de outros tantos autores, novos case todos eles, dos que nada máis coñecía a sete. Cousa que me fai pensar tamén en que teño que me poñer un pouco ó día da narrativa que se escribe hoxe no noso idioma.

Pero destes dezaseis contos, hai especialmente un que me compensou dalgunhas outras lecturas que levo folleado nos últimos anos. Tratase de “O agasallo”, de Ana Cabaleiro, unha moza (e digo moza porque para alguén do meu tempo segue a ser unha rapaza) que publicou tres novelas, “Sapos e sereas” en 2017, “As Ramonas” en 2018 e “Deixádenos remar”, en 2021, que se teñen a altura do conto que lle acabo de ler, nela hai unha grande escritora a ter moi en conta para un futuro moi próximo. Eu vou ir voando por esas tres novelas que necesito ler ¡xa!

Ningún comentario:

Publicar un comentario