Postos a escoller, como a calquera neno a min tamén me gustaría ir a un zoo onde ver dinosauros en semiliberdade, e iso a pesares de que non son amigo de gaiolas con animais. Pero tamén sei que, de momento, o soño ese de crear un parque xurásico é imposible, tanto como recrear a novelada ficción de H. G. Wells en A illa do doutor Moreau, de 1891, onde había un tipo que convertía ás persoas en bestas bípedes, moito antes de que os científicos de verdade soubesen como xogar cos xenes nos laboratorios, ou antes de que se fixesen películas onde a enxeñería xenética executa endiañados papeis para crear monstros que deixan ós seres míticos, recollidos nos catálogos de bestiarios, á altura de verdadeiras almiñas cándidas.
Daí a pregunta: ¿Volverán os mamuts a Siberia?. Non sabemos pero iso é o que asegurou na revista dominical deste periódico o doutor George Church, empeñado en que unha elefanta asiática sirva de ventre de aluguer para parir fillos peludos. E aínda así, con todo o bonito que iso sería, ¿é prudente traer ó mundo unha especie que se extinguiu por causas naturais? ¿E que vai ser o que saia dese experimento, un mamut ou un híbrido?
Quen diga que non sentiu algo de medo vendo as películas de Parque Xurásico minte ou é un irresponsable. Aínda sendo ficción, iso asusta. Unha cousa é saber o que se pode facer e outra moi distinta facelo, porque non todo é convinte nin necesario, e o equilibrio entre especies, xerado ó longo dos milenios, ademais de imprescindible e obrigatorio, é o fundamental.
Con todo, a recuperación de animais en perigo de extinción ou devolverlle o seu medio natural á fauna autóctona con máis soutos, fragas e carballeiras será moito máis de agradecer que eses xogos entre matraces e pipetas que semellan máis un espectáculo de prestidixitación ca un ensaio científico, e talvez contribúa de maneira máis eficaz a combater os problemas medioambientais que padecemos, ou, polo menos, a desertización que nos aportan esas plantas foráneas medrando desproporcionadamente. Que por certo, ¿víchedes moitos niños nos eucaliptos?
O que se faga debe tributar ó equilibrio á natureza e que non vaia pasar como cos xabarís, dos que hai algúns anos, vendo unha exposición sobre a colección do naturalista Víctor López Seoane, quedei sorprendido ante o raro feito de saber que conseguira recoller unha cría de xabaril en Sada, e dende hai uns anos para acá a sorpresa é a aparición de xabarís paseando por barrios urbanos sen un adecuado control da proliferación desa chamada fauna salvaxe, que hoxe nos encontramos acotío cruzando autoestradas ou fozando nas leiras.
Cederlle espazo ós animais en perigo de extinción é unha necesidade, recuperar ó Tiranosauro Rex, que pertencía a outra era con outro tipo de vexetación e clima, é unha extravagancia, o que non impide que máis aló das películas de ciencia-ficción se siga investigando e experimentando en xenética de cara a mellorar a nosa vida, curar enfermidades e corrixir futuros trastornos, incluso dende o ventre materno.
A enxeñería xenética ten moito campo, sen necesidade de inseminar a unha elefanta, aínda que nos aseguren que cos mamuts soltos recuperaranse as sabanas, mellorará o clima e os humanos viviremos máis. Como cos xabarís, dependerá de cantos, de como, e de onde.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario