Por Pepe de Rocaforte
Escribo pouco despois de ver “A Dama de Azul”, película de 1973 que conta a pequena historia de Pietro, crítico musical que vive en París, onde mantén por rutina unha relación sentimental con Aurelia por quen non sinte unha atracción especial.
Certo día, á saída dun drugstore, Pietro albisca unha muller enteiramente vestida de azul, á beira dun coche tamén azul, e síntese inmediatamente posuído pola necesidade de entrar en relación con aquela descoñecida.
A partir de aquí a vida de Pietro vaise converter nunha busca desesperada da muller de azul, o seu soño de amor inalcanzable, polas rúas dun París que se lle volve a cada paso máis hostil.
Aurelia, que sinte por Pietro un amor non correspondido, ante a incapacidade para afastalo da súa teima, préstase a axudalo na busca da descoñecida, coa idea de que cando a encontre se desvaneza a paixón e retorne á súa vella relación.
Este tema da busca dunha muller apenas ollada unha vez, cuxa beleza, quizais unicamente imaxinada, nos fire coma un lóstrego, ten para min un atractivo especial desde hai anos. Atractivo incrementado daquela polos relatos de William Saroyan, escritor armenio-americano famoso nos anos sesenta-setenta.
O nome de Saroyan volveume traer á memoria algúns dos seus contos que na adolescencia estiveron entre as miñas lecturas preferidas: “Segredos no Alexandría”, “Dous días perdidos na cidade de Kansas”, e outros similares.
Entre nós Eduardo Blanco Amor tamén se achegou ó tema no conto “O estreno”, como eu mesmo faría nun relato, “A descoñecida”, que por aí debe andar, aínda que no meu caso o motivo desencadeador da historia non fose un relato de Saroyan, senón unha mínima situación vivida cando tiña arredor dos sete ou oito anos e un día, volvendo para a vila no coche de liña, cadroume de ir enfrente dunha adolescente, supoño que de arredor duns catorce anos -o dobre dos meus- que me fixo sentir ante a perfección en forma de muller.
Cando a rapaza, acompañada dunha señora a quen agora calculo que non pasaría moito dos trinta anos, baixou do autobús nunha parada a pouco máis da metade do camiño, sentín coma se o mundo enteiro se derrubase sobre min. E cantas veces volvín pasar polo lugar onde ela baixara do autobús, virábame sempre coa alma nos ollos para o camiño por onde desaparecera da miña vida aquela fermosísima adolescente, sempre coa esperanza de algún día poder volvela ver.
Aquí acaba a miña historia, á cal, volvendo agora á película “A Dama de azul”, unicamente aumentarei que, se eu fose Michel Deville, sería outro o remate que lle daría, porque o final elixido por el resultoume un tanto decepcionante.
Para min, Pietro e Aurelia, na súa busca da muller de azul, acabarían por se decatar da súa mutua necesidade e regresarían á súa anterior vida de parella. Xusto no momento cando, á saída dun drugstore Pietro albiscaba de novo, ó lonxe, a inalcanzable Dama de Azul”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario