Por Pepe de Rocaforte
Hai cousa de cincuenta anos máis ou menos metéuseme na cabeza a idea de visitar a cidade burgalesa de Coruña del Conde, atraído, naturalmente, polo seu nome, que outra cousa non sabía da localidade; pero a dicir verdade tampouco me preocupei moito en me informar nin sequera da ruta que compría seguir para chegar a ela. Naquel tempo ninguén, polo menos do meu entorno, sabía se existía algún aparato, que posteriormente chamariamos ordenador, computadora, GPS, etcétera (se para o caso hai etcéteras, que non o sei) e a miña erudición xeográfica non ía moito alá de por onde quedaban situadas as capitais de provincia, non todas, os afluentes do Douro pola súa marxe dereita. E pouco máis.
A Coruña del Conde chegaba por fin o outro día desde as ruínas da cidade romana de Clunia, Clunia Sulpicia para ser exactos, onde descubrín o Mediterráneo da etimoloxía máis probable de Coruña. Os romanos bautizárana como “Colonia Sulpicia”, pero os arévacos, pobo prerromano da familia celtibera asentados nas terras de entre o sistema ibérico e o val do Douro, seica pronunciaban “clunia” no lugar de “colonia” e así quedaría ata que algúns séculos máis tarde o nome iría derivando de Clunia a Cruña e, finalmente, a Coruña, segundo conta quen sabe.
Por certo: outra cousa da que non tiña nin idea era da existencia das ruínas dunha cidade romana que, a xulgar polo tamaño do seu Teatro, cunha capacidade para arredor duns dez mil espectadores, dá unha idea bastante aproximada do grandor da poboación.
E volvendo a Coruña del Conde, pequena cidade con ese bélico aspecto das torres do seu castelo no alto dun outeiro arredor do cal se aconchega a poboación como os pitos arredor da galiña, debo confesar que quedei coa boca aberta cando lin a información de que no século XVIII un cidadán coruñés, Diego Marín Aguilera, inventara un artefacto voador.
Diego Marín, precursor de Ricardo de la Cierva, o 15 de maio de 1793 levou o artefacto voador que estivera construíndo en segredo á torre máis alta do castelo da cidade e desde alí emprendeu o voo con intención de chegar ó Burgo de Osma e de alí a Soria e volver. O aparato elevouse uns cinco metros, pero tivo que tomar terra do outro lado do río despois de percorrer uns 360 metros por culpa da rotura dun dos pernos que movían as ás do aparato.
O resultado final foi a grande burla que do bo de Diego Marín fixeron os seus veciños, que conseguiron que a Inquisición tomase cartas no asunto do falido despegue aéreo e aínda menos mal que non se levou a cousa moi a maiores. O triste foi que, quizais por causa do seu fracaso, seis anos máis tarde, á idade de corenta e catro anos Diego Marín morrería na súa casa, despois de que os seus compatriotas lle queimasen o aparato voador, co visto bo da Inquisición que soamente considerou ó inventor como “un pouco mal da cabeza”.
Finalmente contarei que o ministerio do exército cedeu a Coruña del Conde un “caza” de aviación que estivo exposto como monumento na cidade ata hai uns anos que o retiraron para proceder á súa limpeza e logo non o devolveron á vila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario