mércores, 5 de abril de 2023

VALENÇA DO MIÑO – II (E FINAL)

Por Pepe de Rocaforte


En fin, cheguei a Valença e, despois de lle botar unha ollada ó anaco de baluarte destruído polas chuvias deste último inverno, boteime a percorrer os tenderetes levantados por toda aquela aba estendida ó pé das murallas ata a estrada que sube da vella ponte internacional. Certamente non era a feira de Barcelos, pero había variedade de produtos ofrecidos á consideración do eventual comprador, con prezos de saída sabiamente marcados con vistas ó exercicio do ancestral deporte do releo, aínda que para desgracia do desocupado observador botábase de ver a cada vez máis acentuada ausencia de pintoresquismo e a xa case indispensable presencia igualadora das chilindradas manufacturadas nos produtivos centros escravistas do Oriente Lonxano.

Ó cabo, despois dunhas voltas polo campo da feira e dunha visita á anódina parte nova da vila, mostra exemplar de distribución escasamente atractiva, pareceume descubrir boa parte do segredo que atrae a Valença a tanta excursión de visitantes procedentes de terras galegas. Escudados baixo o pretexto das compras económicas que ofrece unha motivación máis seria e responsable que a da simple viaxe de pasatempo, eses nutridos grupos de amas de casa e/ou familias enteiras que en día de feira se achegan á ribeira esquerda do Miño, van por desfrutar da alegría para os ollos que dá o paseo polas rúas e ruelas estreitas no interior da fortaleza, entre igrexas, capelas, tendas e vellos edificios de ben traballadas pedras.


Logo, saboreando o meu cafeciño, sentado na terraza dunha cafetería da Praça da República, da cal xa hai anos que desapareceu, por causas de forza maior, a fermosa fonte de pedra cuxa historia me referira un amable guía gratuíto, natural da localidade, nunha ocasión anterior da que daquela deixei información aquí, mentres paseaba a miña ollada, digo, polo equilibrado conxunto urbano protexido polas murallas que podía abarcar desde o meu posto de observación, axiña me sentín contaxiado pola alegría desatada dun grupo de mulleres de mediana idade sentadas arredor de dúas mesas a carón meu, cada unha delas con cadanseu bolsón repleto de mercadorías ó lado da cadeira, a riren a gargalladas as mutuas ocorrencias, talmente como aquelas rapazas que anos atrás seguramente elas mesmas foran cando, nunha excursión de fin de curso co colexio, iniciaban a extraordinaria aventura de saír alén das fronteiras de España. Entón xa non me coubo ningunha dúbida sobre os fermosos motivos da sona e do éxito que a feira de Valença goza entre nós. E tamén eu me sentín con ganas de rir e acabei por acompañalas na súa alegría.





Ningún comentario:

Publicar un comentario