Por Pepe de Rocaforte
Se hai tres semanas alguén me pedira que lle dese unha opinión sobre Peñaranda de Duero, a miña contestación sería que ata aquel momento nada sabía de tal localidade, aínda que o nome me fixese sospeitar a pouco probable posibilidade dunha mestura entre Aranda de Duero e Peñaranda de Bracamonte, que non levaba a ningunha parte.
As miñas pescudas etimolóxicas non me valeron para moito máis, pero así e todo algo aprendín sobre esa vila ou cidade burgalesa, de seiscentos habitantes pouco máis ou menos, na cal estiven por primeira vez a semana pasada, para me encontrar coa sorpresa dunha pequena e fermosa poboación que ademais de se atopar ó abrigo dun castelo do século XV, substituto de outro levantado no século X, como tantas fortificacións en tantas localidades de fronteira erguidas naqueles tempos para frear as incursións do veciño “infiel”.
Pero agora venme á cabeza outro tema, como é o de que a historia se escribe sempre por aqueles que dispuxeron do poder, como me recordaba un guía con quen tamén nestes días fixen un percorrido por rúas e monumentos de Burgos, e quen me contou que hoxe en día faise, por exemplo, a cada paso máis discutible a existencia real do conde Fernán González, aquel de quen se di que foi o primeiro conde independente de Castela. Como tamén hai quen se pregunta de onde saíu un tal Don Pelayo, quen disque uns séculos antes escalou os montes de Covadonga para espetar a espada no chan e logo de lle dar unha boa felpa ó musulmán de turno, proclamou con voz potente: “queda inaugurada a Reconquista”.
Pero esto xa me leva un pouco lonxe do que quería contar, que é a sorpresa que recibín ó encontrarme na gran Praza Maior de Peñaranda de Duero, un espacio cun atractivo e unha elegancia que non esperaba neste lugar para min remoto.
Dos edificios que se abren á Praza, chaman particularmente a atención, por un lado o palacio dos Condes de Miranda, construído no século XVI por encargo de Francisco de Zúñiga Avellaneda e Velasco, terceiro conde de Miranda del Castañar.
Deste palacio sorprendeume sobre todo, no Salón de Embaixadores, a galería cerrada cunha celosía, detrás da cal se instalaban os músicos que amenizaban as reunións dos seus amos e invitados, despois de trepar por unhas escuras escaleiras desde outra sala ó lado. Estas reunións con acompañamento musical producíanse nos tempos de máximo esplendor da familia, cando a súa casa era unha especie de pequena corte condal. Talmente como podía suceder en calquera outro importante palacio do resto de Europa que nós considerabamos máis civilizado.
Outra importante edificación entre as que conforman a Praza Maior, no lado de enfrente do palacio, é a monumental igrexa de Santa Ana, antiga colexiata, tamén do século XVI. E non moi lonxe o mosteiro das franciscanas, obras as dúas levantadas tamén a expensas dos condes de Miranda.
Pero mellor é que non siga con este repaso de guía turístico, e parar aquí as miñas torpes descricións. Neste caso o que paga a pena é vir aquí e velo todo cos propios ollos dos visitantes. Visitantes que tampouco deben esquecer que nesta pequena vila temos a adega vinícola “Castillo de Peñaranda”, que produce máis dun millón de botellas de viño entre xoven, crianza e reserva coa denominación de orixe de “Ribera del Duero”.
Anímese vostede, home. E se vén despois do mes de xuño tal vez poida atopar o palacio dos Condes de Miranda, agora de propiedade estatal, xa reconvertido nun parador de turismo de cinco estrelas, cuxas obras van comenzar inmediatamente segundo me comentaron alí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario