Murguía fala en varias ocasións dos Mártires de Carral, a quen chama “Mártires da Liberdade”, vítimas dunha revolta que aconteceu cando el só tiña trece anos, no que define como unha curta primavera, cando un grito de liberdade lle fixo estremecer o corazón. E conta como viviu aqueles feitos a mediados do mes de abril de 1846, un xoves de feira en Santiago, en que se suspenderon as clases e el cos seus amigos (rapaces inocentes) foron xogar ós campos da contorna do convento de san Francisco ata que un sarxento os increpou para que marchasen ás súas casas. E aló foi el para a farmacia de seu pai, entre o estrondo dos disparos e os soldados correndo a ocupar tellados e fiestras.
A guerra, que se desprazou de Cacheiras a Compostela, comezara realmente o dous de abril, cando o xeneral Solís, afín ós movementos progresistas e contrario ó goberno de Narváez fai un pronunciamento en Lugo, ó esclarecedor berro de “Gallegos: españoles todos: viva la reina libre, viva la Constitución, fuera extranjeros, abajo el dictador Narvaez, abajo el sistema tributario”.
A noticia desta proclama percorre o país, e secundan a Solis dende Pontevedra, Vigo e Tui. En A Coruña apúranse a meter na cadea ós liberais antes de que fagan outro tanto, e en Compostela fórmanse os batallóns literarios de apoio ó pronunciamento.
O día quince, os progresistas reunidos en Santiago constitúen a Xunta Superior do Goberno de Galicia, con Antolín Faraldo como secretario, pero o goberno non perde tempo e manda os seus exércitos contra as tropas liberais.
O enfrontamento ten lugar en Cacheiras o día 23 de abril, dende onde, os vencidos, maioritariamente estudantes e paisanos sen formación militar foxen, na procura dun refuxio, a Santiago, onde ó son dos disparos as tendas pechan mentres os soldados dun e doutro bando se perseguen entre os calellos da cidade.
Murguía, cóntanos como nun determinado momento o ceo cóbrese de nubes e cae sobre a cidade unha enxurrada durante a que por un intre todo fica en silencio, pero en canto escampa volven os disparos a retomar o protagonismo daquela tarde, cando alguén chama á porta da botica e, con máis medo ca hospitalidade, ábrenlle a uns soldados que deixan a un mozo ferido de morte, un tenente que roldaría os vinte anos, loitador dunha causa perdida, exemplo de ilusión e fracaso naquela curta primavera que floreceu con esperanza e axiña se murchou.
Logo a historia xa a coñecemos todos, Solís e os seus oficiais foron pasados polas armas en Carral, temendo a reacción dos liberais coruñeses se entraban con eles na cidade, e foron enterrados no cemiterio de Paleo nunhas lápidas sen nome o día 26 de abril.
Murguía lamentou en varios artigos o fracaso daquela curta primavera que dez anos despois, cando o Patriarca escribe sobre o significado daquela revolta, o novo goberno declara os fusilados beneméritos da Patria e o Congreso concedeulles a cruz do valor. Pero aínda tardarían varías décadas en erixirlles o monumento que hoxe os homenaxea en Carral. Un monumento que, en opinión do Patriarca, xa o tiñan erguido no corazón dos galegos.
Tamén di Murguía que aquel foi o xermolo do galeguismo, para que Galicia deixara de ser, en palabras de Antolín Faraldo, unha “colonia” do Estado.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario