sábado, 22 de abril de 2023

"La primera luz"

             



Entre as lembranzas que este ano lle dedicamos a Murguía con motivo do centenario do seu falecemento, hoxe traemos o seu libro de lecturas escolares La primera luz, porque o día 26 de abril cumpriranse anos de que unha real orde de 1860 o declarase como texto especialmente indicado para as escolas galegas; seguramente baixo o patrocinio do pedagogo don Xaquín Avendaño, quen, por esas datas, exercía de inspector xeral de Instrución Pública e estaba moi ben relacionado na corte.

Murguía, que durante a súa estancia en Madrid era asiduo da casa dos Avendaño, acolleu con gusto as propostas pedagóxicas de don Xaquín, autor do libro escolar Cuaderno de lecturas, cuxa primeira edición é de 1846 e seguiu reeditándose ata 1919. Un libro que moitos dos asistentes ós parladoiros da súa casa coñecían e seguramente usaron na súa época escolar.

Murguía convéncese da necesidade dun libro parecido, pero especificamente dedicado ós nenos galegos, tal e como o pedagogo expoñía, sinalando que entre as deficiencias específicas do ensino en Galicia estaba a falta de textos con referencias á realidade social e cultural do país, libros que lle aportasen ós nenos un coñecemento máis focalizado na nosa terra, baseándose en que, para unha boa aprendizaxe, era necesario que se aprendese primeiro o máis próximo para entender mellor o foráneo.

E a confección dun libro así vai emprendela Murguía cando nace a súa primeira filla, Alejandra, o 12 de maio de 1857. Unha nena a cuxo bautizo deciden non asistir os avós paternos, por discrepancias co fillo que foi a Madrid para ser boticario e volve casado e sen rematar (nin empezar) a carreira, decidido a dedicar a súa vida a algo tan inestable como a literatura.

A cativa recibe as augas bautismais levando como padriño a Alexandre Chao, pero a preocupación do Patriarca vai máis aló dos problemas económicos e familiares a que deberá enfrontarse o matrimonio, agora tamén está presente a educación futura da cativa, polo que, decidido a dar ese primeiro paso, escribe o libro de lecturas escolares La primera luz, que encabeza cunha poética dedicatoria a Alejandra, na que lle di que aprenda a amar a Galicia. Pero sobre todo, esta primeira luz pretende amosarlle ós alumnos, xunto coas primeiras letras, as primeiras imaxes do país seguindo o consello de don Xaquín, que as novas xeracións aprendan a ler con temas galegos, polo que estrutura o libro en cinco apartados: do dialecto, da relixión, Xeografía, Historia e cinco biografías de outros tantos personaxes galegos, todos eles vinculados (supoñemos que premeditadamente) á Igrexa, tal santa Mariña, san Pelaio, don Diego de Xelmírez, o padre Feixóo e o escultor noiés Felipe de Castro. Son en total 27 leccións formadas por un texto de lectura e unha serie de preguntas, coas correspondentes respostas, que o pupilo deberá memorizar, moi ó estilo da época.

Don Xaquín Avendaño leu o borrador e non dubidou en recomendalo para a súa publicación nuns anos en que a Igrexa sempre tiña a última palabra no referente ó que entraba e saía das imprentas, talvez por iso notamos, nos temas relixiosos, como o autor procura recibir o visto bo dos censores, que finalmente o sinalan como unha obra de “sana moral” e autorizan a súa publicación.

 

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario