Cando aló por finais do século XIX e principios do XX as autoridades competentes comprenderon que deixar ós finados no centro das vilas era un costume malsán, empezaron a construírse os cemiterios fóra dos núcleos urbanos, en lugares onde as ordenanzas indicaban que os ventos predominantes non fosen cara as poboacións, que non houbese correntes de auga próximas e que se rodease dun valado para evitar a entrada de animais. Sen embargo, non todos os paisanos estaban polo labor, e por iso quedan aínda lugares que manteñen os seus cemiterios arredor das igrexas, uns porque non atoparon ese lugar adecuado para sanear o espazo dedicado ós finados e outros porque separar ós seus familiares da igrexa era como excomungalos.
A idea do arquitecto, César Portela, era moi fermosa, colocar ós finados cara ó mar, cara ó mítico monte Pindo, a carón do mesmo camiño que as mulleres fisterráns percorren cando vén o mal tempo, para comprobar se os seus volven a terra ou non, pero tamén, e quizabes non se decatou disto, dándolle as costas á capela de san Guillerme, o mítico lugar a onde acudían as parellas infecundas para procrear sobre a chamada cama do santo. Nunca tan xuntos estiveron Eros e Tánatos, neste cemiterio onde os finados serían como sentinelas mirando cada serán o animado retorno dos pesqueiros coas súas estelas de gavotas anunciando a fartura, pero a veciñanza prefire ter ós seus máis preto, máis ó seu carón, nun lugar máis recollido, onde os ventos mareiros non murchen antes de tempo as flores da lembranza. Telos formando parte da vida e do día a día.
Aí queda agora, esa fermosa obra de arquitectura, como simple columbario, para acoller as cinzas dos finados de máis tempo.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario