Non é necesario pescudar moito para decatarse de que a Barbanza e terra de músicos, non só porque aquí temos a París de Noia e aquí naceron Os Tamara, senón tamén porque non faltan bandas como a de Caamaño, Boiro ou Rianxo, grupos como os Herdeiros da crus e distintas corais, orfeóns, e gaiteiros cuxa lista non cabería no espazo desta sección, e que este sábado celebrarán á súa patroa.
Da música sempre se dixo que tanto pode transmitir alegría como tristeza, pero tamén aporta infinidade de beneficios para a saúde, reducindo o estrés e estimulando o cerebro e a memoria. Só hai que ver como algunhas cancións nos fan mover o esqueleto nada máis comezar os primeiros acordes. Por algo será que dende a antigüidade, en todas as culturas houbo sempre algunha divindade protectora deste arte, xa fose Hathor en Exipto ou a musa Euterpe dos gregos, que tamén invocaban a Orfeo, o músico que era capaz de calmar ás feras ou deter o curso dos ríos cando tocaba a súa lira de nove cordas. Tal era o seu arte que cando finou a súa amada Eurídice, baixou ó inframundo e, coa súa melodía adormeceu ó can Cerbero, o garda do Hades, para entrar a rescatala, e camiño da saída a finada seguíao mentres el tocaba, coa condición de acadar o mundo dos vivos se el non a miraba antes de ver a luz do día, pero o namorado non se resistiu a botarlle unha ollada e entón a moza ficou entre os mortos para sempre. Unha fazaña que viña moi ben para ser lembrada neste mes de novembro, o mes dos mortos e das almas, pois á conta deste mito celebrábanse os rituais órficos, nos que os devotos admitían a existencia do Alén e tomaba valor a crenza de que o ser humano estaba formado por corpo e alma. Logo o cristianismo puxo no seu sitio a santa Icía, que non era música, pero sentiu como os anxos tocaban fermosas melodías mentres era executada por ser cristiá.
Mitos e lendas aparte, a música é outra forma de comunicarse coas divindades. Aí temos as campaíñas dos templos tibetanos, o canto gregoriano e os órganos que forman parte inseparábel das nosas catedrais. En calquera acto relixioso minimamente salientábel, sexa unha voda ou un funeral, non pode faltar un coro. E é que a música non só inflúe no estado de ánimo de quen a escoita e de quen a executa, senón que, aseguran os expertos en musicoterapia, tamén alivia doenzas, pois tense demostrado que tanto pode reducir a presión cardíaca como aplacar, cando non curar, certas enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer, segundo vén de demostrarse no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, polo que hai un ano, no Instituto de Saúde Carlos III, foron distinguidos polo seu proxecto Sensogenoma, que estuda como a música incluso pode modificar os xenes.
Boa ten que ser porque non sei máis ca de persoas maiores que se apuntaron a algunha coral, tuna ou clases de pandeireta, e teño un veciño que con setenta e pico anos en plena forma física e mental, vai todos os días ó ximnasio e, mentres se exercita na elíptica, vai cantando e memorizando, coa partitura diante, as pezas do seu coro.
Francisco Ant. Vidal



Ningún comentario:
Publicar un comentario