Estoutro día, entrando no mes dos defuntos, comentaba un amigo que, se hai un oficio no que a empatía é fundamental, ese é o de traballadores de Pompas Fúnebres, onde se vende algo tan anómalo como unha despedida sen volta.
Logo, segundo a cantidade de asistentes ó enterro e do moito que choraron parentes e achegados, entendíase a mostra de aprecio que aquel deixaba na veciñanza, pero tamén a boa xestión da encargada de toda a intendencia.
Todo isto era antes, pois de vinte ou trinta anos para acá, este labor recae nos traballadores do tanatorio; ó que Xulio non lle quere chamar de Pompas Fúnebres porque lle parece moi presuntuoso, sabendo en que vai acabar o usuario destes establecementos; pero a fachenda lévanos a darlle suntuosidade ó acto máis triste da vida. Agora, para substituír ás carpideiras de antano empezan a levarse os discursos de amigos e familiares, ó estilo das películas americanas, para enxalzar o seu paso por este mundo. Incluso se puxeron de moda os obituarios que son algo moito máis personalizado que as necrolóxicas, para amosar o cariño e o aprecio de quen se vai para sempre.
Por todo iso, tamén eu creo que de todos os traballos, este dos axentes funerarios, dende o tanopractor ó condutor do coche fúnebre, teñen que ser persoas cunha sensibilidade especial, persoas con moita man esquerda, porque os clientes e os usuarios destes servizos non admiten bromas e asinan o contracto, como non pode ser doutro xeito, por obriga e de mala gana. E para esa sensibilidade especial non basta con que che atendan de traxe escuro e garabata negra, tamén han de saber cales son os gustos do cliente e como venderllos, convencéndoo de que é o mellor que lle poden ofrecer a aquel que xa non volverá a compartir a vida con nós.
Por todo iso e moito máis, este oficio necesita unha preparación moi especial, ata tal punto que os chinos, tan meticulosos nas cousas da vida, veñen de implantar unha carreira universitaria de xestión de funerais, dada a alta demanda destes servizos e a necesidade dunha boa tramitación dos mesmos, cando a familia non está para atender todos os detalles.
Nunha sociedade como a nosa, onde a poboación está cada vez máis envellecida, seguramente non tardaremos moito en ter esta opción no mercado universitario, porque ben certo é que no noso país, a morte, aínda deixando un pouso amargo, tamén é algo co que convivimos con resignación, de aí eses costumes tan nosos pero en vías de desaparecer, como o velorio, o acompañamento nocturno, compartindo anécdotas, cafés e copas de licor.
Francisco Ant. Vidal

Ningún comentario:
Publicar un comentario